Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India (22)

A teimosía das mulleres de Pandiam

Mahalakshmipuram, Pandiam e Baggiam, tres lugares onde as mulleres colleron as rendas da comunidade para saíren da pobreza. Unha nova crónica de María Reimóndez.

María Reimóndez - 11:26 18/09/2007

Mahalakshmipuram, do conflito á convivencia

As mulleres de Mahalakshmipuram conseguiron cambiar un dos suburbios máis conflitivos do proxecto nun dos lugares exemplares do traballo realizado. O suburbio está cruzado por un sumidoiro aberto pero elas queren pechalo. Agora co consello de suburbio teñen unha nova plataforma para facelo. No consello están representadas as mulleres dos grupos de aforro, a mocidade, o voluntariado sanitario e de xénero e as nenas e nenos das clases de apoio. Cada grupo selecciona as súas representantes.

E aquí non lles chegou con iso, fixeron unha placa para que todo o mundo saiba que en Mahalakshmipuram a comunidade é a dona do seu espazo e do seu futuro. A súa confianza nótase ata na maneira de comportarse na reunión, onde todo son risas e chanzas. Na miña pequena dinámica de avaliación hai unha pregunta para comprobar se coñecen o uso dos preservativos e unha delas exclama: "Os preservativos, iso si que está ben!" e as demais escachan en gargalladas, eu incluída. Teñen unha enerxía contaxiosa que necesito levar comigo cara ao futuro porque o traballo non pode rematar aquí.

A teimosía das mulleres de Pandiam

Pandiam Street é un anexo de Mahalakshmipuram. No 2004 as mulleres desta pequena extensión (son a penas unhas vinte casas) viñeron buscarme a Mahalakshmipuram durante unha das miñas visitas de avaliación para que vise onde vivían e para que as axudásemos a conseguir a propiedade da terra. A situación da vivenda e do entorno era nefasta. A comunidade fora expulsada doutra zona pola vía rápida: queimáranlles as casas. A veciñanza de clase ben non quere ver ás persoas pobres.

Esta semana, despois dun proceso moi longo de loita por parte das mulleres co apoio do persoal do proxecto á fin lles concederon a propiedade da terra e poderán comezar a mellorar as súas casas (de lata moitas delas) e a solicitar servizos do goberno. Non é de estrañar que o conseguisen porque en Pandiam as mulleres cambiaron a súa vida de forma radical en moitos outros sentidos.

Saíron da pobreza máis extrema ata converterse en exemplos de montar as súas empresas e de organizarse mesmo para facer unha obra de teatro! É un día de recoñecer o éxito do esforzo común, da paciencia e da teimosía das mulleres.

Baggiam


A primeira vez que vin a Baggiam hai anos contoume o difícil que fora no seu suburbio, en Ramamoorthy Nagar, poñer en marcha o grupo de aforro ao que ela pertencía porque os homes se negaban a deixar ás mulleres asistir e participar. Pero Baggiam non se conformou, e con ela as demais. Logo vina asistir ás clases de alfabetización. E coller un crédito para poñer en marcha un negocio de venda de teas.

E agora a entrevisto como voluntaria de xénero e cóntame que ela non quere que as mulleres vivan en situación de discriminación e que intervén nos casos de violencia do seu entorno, que ao principio a xente a rexeita e lle di que non se meta, pero ela turra porque sabe que é o que hai que facer. Baggiam é tamén integrante do consello de suburbio e quere solucionar o problema da terra porque viven nunha zona que pertence ao ferrocarril e non está doado conseguir a propiedade, levamos anos loitando. Pero nin ela nin as demais mulleres están dispostas a deixalo pasar.

Nestes catro anos Baggiam tirou proveito de todas as actividades do proxecto. As mulleres como ela son o proxecto. Son o futuro. E eu síntome inmensamente feliz de ter formado parte do proceso xa de forma irreversible.



Crónicas anteriores:


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: