Tamén principia a se aplicar a LOE a máis de 93.000 alumnos de 1º e 2º de primaria e 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria.
Segundo estiman dende a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, na cuarta feira comezan as clases 189.383 alumnos e alumnas de educación infantil, primaria e especial. Os de ESO e Bacharelato comezarán o vindeiro día 19 de setembro.
O número de alumnos medra un 1,6% nos colexios galegos
Ademais, as aulas van contar con máis de 11.000 alumnos estranxeiros. Por niveis, son 62.708 os alumnos previstos para infantil, 125.124 os de primaria, e 1.551 os de educación especial.
Dándolles clase estarán uns 30.000 mestres, uns 400 máis que o ano pasado.
Comeza a se aplicar a LOE
Segundo o seu calendario de aplicación, a Lei Orgánica de Educación (LOE) implantarase este curso 2007-2008 nos niveis de 1º e 2º de primaria e 1º e 3º de Educación Secundaria Obrigatoria, polo que máis 93.000 estudantes galegos recibirán as novas ensinanzas marcadas pola Lei.
A LOE céntrase nunha maior esixencia aos alumnos, na atención personalizada por parte dos profesores, e no reforzo das matemáticas, a lectura e a lingua. As novas tecnoloxías tamén teñen o seu protagonismo, ao considerarse competencia básica do alumnado.
A nova Lei establece que o alumnado estudará inglés desde os 6 anos, e, nos centros que o soliciten, os pequenos de 3 anos tamén poderán estudar unha primeira lingua estranxeira. Ademais, a partir deste curso ofertarase a segunda lingua estranxeira, con carácter común, en 1º e 2º da ESO, unha materia que até o de agora era optativa.
Outras novidades...
... son a introdución do acompañante escolar en todas as rutas e liñas de autobús que levan aos nenos e nenas ás escolas e a apertura dos comedores dos colexios dende o primeiro día de clase, onde xantarán cada día algo máis de 50 mil nenos e nenas galegos.