Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Bin Laden reaparece en vídeo

Seis anos despois do 11-S, EUA continúa inmerso na 'guerra contra o terror'

EUA recorda este martes con varios minutos de silencio ás 2.794 vítimas do ataque de Al Qaeda ao país, o 11 de setembro de 2001.

Redacción - 18:55 11/09/2007
Imaxe do World Trade Center despois do ataque de Al Qaeda

Imaxe do World Trade Center despois do ataque de Al Qaeda

O primeiro tributo silencioso aos finados produciuse en Nova York ás 8.47 horas (14.47 horas en Galiza) e foi seguido polo presidente estadounidense, George Bush, desde o xardín da Casa Branca, en Washington, ao igual ca no resto do país. No acto participaron o alcalde da cidade, Michael Bloomberg, así como familiares falecidos e autoridades estatais.

Os atentados do 11-S provocaron, segundo datos oficiais, un total de 2.974 vítimas mortais. En Nova York morreron 2.750 persoas, no Pentágono (Washington), 184, e en Pensilvania, 40, ademais dos 19 suicidas que pilotaban os avións comerciais.

Representantes do servizo de bombeiros e da Policía da cidade leron os nomes das vítimas por orde alfabética. Un segundo minuto de silencio produciuse ás 09:03, que foi seguido por unhas palabras do gobernador de Nova York, Eliot Epitzer, e a continuación da lectura dos nomes das vítimas.

Seguironlle outros dous minutos de silencio ás 9.59 horas coa intervención do ex alcalde da cidade Rudolph Giuliani, e ás 10.29 horas, coas palabras do ex gobernador do estado George Pataki.

O lugar elixido para conmemorar este sexto aniversario atópase a poucos metros da 'zona cero' de Manhattan, xa que nese lugar, onde se erixía o World Trade Center, estase a construír a que será a Torre da Liberdade.

'Guerra contra o terror'
Os ataques perpetrados por Al Qaeda, provocou que o goberno de George Bush declarase a denominada 'guerra contra o terror', que levou a EUA a invadir militarmente Afganistán e Iraq, e a crear na base naval de Guantánamo, na illa de Cuba, un centro de reclusión de prisioneiros, cualificado de ilegal por numerosos organismos internacionais, onde menos do 10% dos detidos foron declarados culpábeis.

Outro dos 'obxectivos' da administración Bush era a captura de Osama Bin Laden, considerado o xefe de Al Qaeda. Porén, a busca resultou a día de hoxe infrutuosa. Este mesmo martes, Ben Laden volveu aparecer en vídeo para renderlle homenaxe a un dos 19 autores dos ataques suicidas do 11-S.

O líder de Al Qaeda eloxiou o recordo de Walid Al Shehri, ao que cualificou como "un mozo que se expuxo ao perigo máis extremo e era dunha calidade rara entre os homes: ser un dos 19 heroes". O vídeo, de autenticidade non confirmada polo momento, mostra unha imaxe fixa de Ben Laden con barba negra e vestido co tradicional saio amarelo do Golfo.

Nos últimos tres anos, só se difundiron mensaxes sonoras sen imaxe do xefe de Al Qaeda, porén, segundo Estados Unidos, Bin Laden podería estar agochado nunha rexión montañosa fronteiriza entre Afganistán e Paquistán.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: