Logo de que o vicepresidente apuntara este luns a posibilidade de derrogar a norma, Vieiros conversou con responsábeis dos tres partidos, sindicalistas e con Encarna Otero.
A intervención do vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, no programa da TVG Hai Debate botou un pouco máis de luz sobre a posición do BNG respecto á polémica disposición adicional 17ª da Lei da Función Pública, que estabelece un suplemento económico anual para altos cargos unha vez estes deixen a política activa para reingresaren nas súas prazas de funcionarios.
A nacionalista Encarna Otero, directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, introduciu o debate na cidadanía e no seo do BNG co artigo publicado neste xornal o pasado 1 de agosto, onde expresaba a súa discrepancia e oposición coa citada disposición adicional e chamaba á "desobediencia política no acatamento desta norma e a insubmisión económica como criterio ético para deste xeito contribuír a que Galiza e o seu Goberno sexan mostra de ética rexenerativa".
Este martes, en declaracións a Vieiros, Encarna Otero sinalaba que "ratifico todo o escrito no artigo", e manifestaba a súa ledicia por que "haxa unha posibilidade de modificar a lei". "Cando deixamos de ser cargos públicos volvemos ser cidadáns cos mesmos dereitos e deberes ca o resto", afirmou.
"Non hai nada pechado", sinalou Quintana este luns á noite. "O proxecto de lei de Función Pública que elabora o Goberno non contemplaba esto, que se introduce no Parlamento porque o PP presenta unha emenda pedíndoo. O Goberno quería sacar a lei por consenso e introduce esta emenda. É normal que se poida revisar, o mesmo conselleiro ten dito que en breve se levará ao Parlamento unha nova lei, e sería un bo momento para facelo".
A posición do BNG: Carlos Aymerich
O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, confirma as declaracións do vicepresidente na Galega, e expón dúas posibilidades para a modificación da disposición adicional 17ª: unha, xa plantexada polo conselleiro da Presidencia, Méndez Romeu, a través da aprobación dunha nova Lei da Función Pública (a actual, do pasado 17 de xullo foi presentada como lei de medidas urxentes); e outra, "moito máis rápida", introducindo as pertinentes modificacións na Lei de Orzamentos Públicos para 2008 e que ten que ser aprobada antes do vindeiro 31 de decembro.
Segundo Aymerich, o BNG sempre foi contrario á norma que "non estaba no proxecto que chegou ao Parlamento", mais que o PPdeG introduciu como emenda (número 41) transaccionada co PSdeG. "Dentro do pacto de goberno, temos o compromiso de apoiar e outorgar a última palabra aos nosos socios responsábeis de cada área, e aquí foi Presidencia quen a tivo como Medio Rural no caso da Lei do Banco de Terras, por exemplo", afirma o voceiro nacionalista.
A posición do PSdeG: Beatriz Sestayo
Dende o PSdeG sosteñen que a información que está a chegar á cidadanía sobre este tema está a ser "confusa". Beatriz Sestayo, voceira socialista de Administración Pública, di que a maioría dos beneficiarios do sobresoldo xa teñen acadado o nivel 30 (o máis alto dentro da Xunta) polo que, segundo os seus cálculos, "a cantidade media a cobrar é dunhas 14.000 pesetas (84 euros) ao mes; en ningún caso a cifra de 15.000 euros é correcta".
Sestayo quere deixar claro, ademais, que a polémica lei "é unha translación da lexislación básica estatal", que a emenda que introduciu o PPdeG "non tivo oposición por parte de ninguén", e que, sobre todo, "ningún partido nin ningún sindicato se opuxeron nunca" á norma. Unha norma que tivo unha "longa vida parlamentaria, porque tivemos que falar con ao redor de 70 colectivos diferentes para podela consensuar", engade.
Por último considera que as lei non está pechada, aínda que "até o de agora non barallamos a posibilidade de modificala, máis alá do plantexado polo propio conselleiro Méndez Romeu". No entanto, afirma respecto a postura revisionista do BNG que "o que eu ouvín hoxe mesmo (por este martes) no Parlamento non coincide co dito por Quintana".
A posición do PPdeG: Antonio Rodríguez Miranda
O homólogo de Beatriz Sestayo no PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, subliña que "os principais responsábeis da aprobación da norma son os grupos que sustentan o Goberno", o PSdeG e o BNG, e amosa a súa sorpresa polas declaracións de Anxo Quintana.
"Como deputado que é, votou favorabelmente á aprobación da lei. Que o diga un parlamentario de a pé, aínda pode ser, mais que o máximo dirixente do BNG diga agora que se pode modificar non ten lóxica a non ser que fixese unha viaxe astral durante a votación e non lembre o que fixo", sinala Rodríguez Miranda.
Ademais, considera ao igual que o PSdeG que se trata dunha translación da lei estatal, e que en ningún caso a cifra de 15.000 euros é correcta, porque desta cantidade "hai que descontar os complementos de destino que todos os funcionarios teñen dende a lei de 1991". Así, afirma que, por exemplo, aos profesores universitarios que agora son directores xerais xa teñen cubertos estes complementos, e polo tanto non lles repercutirá.
Porén, o voceiro popular incide noutros aspectos da lei que segundo el non se lles está a dar importancia como é que "nos dous últimos anos os gastos en persoal eventual de gabinete (cargos de confianza) aumentasen nun 30%". Por último, defende que a emenda introducida polo PPdeG é de xustiza, xa que o que pretende é "recoñecerlles aos cargos públicos certa cantidade polo seu traballo".
A posición da CIG: Bautista Vega Tato
Bautista Vega Tato, membro da dirección nacional do sindicato CIG e un dos máis destacados opositores á disposición adicional 17ª, coida que dende o PSdeG e o PPdeG estase "a tratar de minimizar a historia". Segundo el, é certo que algúns cargos públicos non van recibir o suplemento de 15.000 euros, "porque xa estaban no anterior Goberno e teñen consolidado o nivel 30".
"Non hai xustificación ningunha para que se suban o soldo xente que xa ten salarios moi altos", di Vega Tato. "Hai necesidades máis importantes no país. É curioso que tomen como referencia o Estado para facer esta lei en Galiza, que non se estaba aplicando, e que en troques non miren para el cando se trata de falar de que temos as pensións máis baixas ou dos problemas de listas de espera", afirma.
Respecto ás declaracións do vicepresidente do Goberno, Vega Tato, que nun artigo enviado aos medios recentemente cargaba duramente contra o novo goberno por esta cuestión, manifestou a súa satisfacción e considerou que "rectificar é de sabios". "O Bloque tense que posicionar e cómpre facelo antes de que entre en vigor a lei, porque despois será moito máis difícil modificala", engadiu.