Afirma que os que as cualifican de "centros de adoutrinamento nacionalista" son os mesmos que "desprezan a Rosalía de Castro" e que "non son deste mundo".
O proxecto das galescolas bota a andar con 48 centros
O vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, abriu este venres en Vilaboa (Pontevedra) o curso 2007-2008 na Rede Galega de Escolas Infantís ou galescolas. O mandatario salientou a posta en marcha dos primeiros centros desta rede como "exemplo do cambio galego" e opinou que é un proxecto "cargado de futuro".
Durante o acto en Vilaboa, ao que tamén asistiu a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, Quintana explicou que 3.000 nenos comezan a encher de vida ao proxecto Galescola, "que bota a andar con 48 centros en todo o país". Quintana afirmou que as galescolas "simbolizan unha auténtica forza para o cambio e unha esperanza para o futuro do país".
Un milleiro de novas prazas
En total 23 novas galescolas abren por primeira vez as súas portas neste trimestre, o que supón a creación de 1.000 prazas na educación infantil pública de 0 a 3 anos. A estes centros hai que sumar as 25 escolas infantís que xa xestionaba a Vicepresidencia da Xunta, que acollen 2.079 cativos.
Quintana explicou que as galescolas serán "ante todo e sobre todo, boas escolas" e que o respecto á identidade será o segundo pivote. Asegurou que se trata dunha "iniciativa pensada para Galiza e en clave galega".
Así, afirmou que as Galescolas van proxectar unha educación "sen complexos, respectuosa coa nosa cultura e orgullosa da nosa lingua, para educar ás xeracións do futuro no respecto e na coherencia co que somos".
Neste senso, o vicepresidente criticou os que afirman que as Galescolas "son centros de adoutrinamento nacionalista", dos que dixo "son os mesmos que desprezan a Rosalía de Castro". "Non podo pensar outra cousa máis que son extraterrestres, non son xente deste mundo", engadiu.
Plan de excelencia
Para a excelencia das galescolas, os centros contan cunha completa oferta educativa e pedagóxica para os máis pequenos, que vén avalada polo Plan de Calidade e Mellora Pedagóxica 2006-2009.
Ao respecto, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, detallou que o citado plan desenvolverá un proxecto educativo para cada centro e potenciará a participación dos usuarios.
De aquí ao final da lexislatura, a Rede de galescolas sumará un total de 121 centros, cun investimento total de 33 millóns de euros, que suporán a creación de máis de 6.000 novas prazas e a xeración de 1.200 postos de traballo.