Iso dixo o o director de Migracións da Arxentina, Ricardo Rodríguez, na data dedicada aos que chegaron ao país. Lembrou que 700 mil estranxeiros regularizaron a súa situación.
O ritmo de radicación acelerouse a partir do ano 2006 na Arxentina, cun plan oficial orientado a facer máis rápidos os trámites das persoas nacidas en países limítrofes e do Mercosur, segundo asegurou este martes o director de Migracións durante o acto do Día do Inmigrante.
Segundo informou Ricardo Rodríguez, responsable de Migracións, o Programa Patria Grande, que se puxo en marcha a principios de 2006, legalizou así a radicación de 485.578 inmigrantes, dos cales 413.684 ingresaran ao país antes de abril de 2006, e 71.894 fixérono logo desa data.
O programa foi creado para impulsar a regularización da situación migratoria dos estranxeiros nativos dos Estados que integran o Mercosur e os países asociados, co obxecto de facilitar o trámite para accederen a unha residencia legal no país.
Afrontar a realidade
"O problema de non afrontar a realidade derivaba nun prexuízo para o país, como todo o que resulta de acudir a restrinxir sen buscar unha solución superadora, porque esa política expulsiva, fai máis lucrativo o tráfico e venda de persoas e todos os delitos que se alimentan da vulnerabilidade humana", afirmou aos xornalistas, segundo a axencia Telam.
Segundo as cifras oficiais, o 53% do total de inmigrantes regularizados en todo o período provén do Paraguai, 27% de Bolivia, 12% de Perú, 2,7% do Uruguai, 2,1% de Chile, 1,5% do Brasil, 0,9% de Colombia, 0,5% de Ecuador e 0,2% de Venezuela.
Os datos foron revelados durante un encontro realizado no emblemático Hotel dos Inmigrantes, situado no barrio porteño de Retiro, para celebrar o Día do Inmigrante. "As correntes migratorias non se paran con exércitos. O dereito á migración é un dereito humano. Neste sentido, a política migratoria que se desenvolveu a partir de 2003 tiña como base non a seguridade senón os dereitos humanos", explicou Rodríguez.