Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Segundo aniversario da catástrofe

Dous anos despois, os máis pobres seguen a padecer os efectos do Katrina

Vintecatro meses despois do paso do furacán, Nova Orleáns -agás nas súas áreas turísticas- está en ruínas, e a poboación negra -a máis pobre- permanece nas rúas ou en autocaravanas tóxicas.

Redacción - 13:00 30/08/2007
Bush en Nova Orleáns, esta semana

Bush en Nova Orleáns, esta semana

No ano 2005, o paso do furacán Katrina, cualificado como un dos desastres naturais máis mortíferos da historia dos Estados Unidos, ocasionou preto de 1.600 mortos e a destrución de numerosas vivendas. Dous anos despois da catástrofe, case toda a zona segue en ruínas.

Con ventos de máis de 250 quilómetros por hora, o Katrina afectou a zona centro e sur do país norteamericano e alagou case por completo a cidade de Nova Orleáns, no estado de Louisiana. Ademais causou graves desfeitas nos estados de Florida e de Mississippi.

Daquelas, o presidente estadounidense, George Bush, declarara Lousiana e Mississippi como zonas catastróficas, mais a axuda chegou tarde e foi mal distribuída. A comunidade negra denunciou a súa discriminación e o Consello Nacional da Raza (NCLR) afirmou que os latinos damnificados foran marxinados polo goberno.

Máis de 42.000 persoas, en autocaravanas
Actualmente, só a metade dos residentes orixinais puideron regresar aos seus fogares, xa que agás os lugares turísticos, o resto segue en ruínas. Segundo cifras oficiais, máis de 42.000 persoas viven en autocaravanas cedidas polo Estado, namentres que o centro de Nova Orleáns, por onde pasean os turistas, se conserva mesmo mellor que antes da tormenta.

Porén estas casas rodantes, segundo declarou un experto perante o Congreso dos EUA, son tóxicas pois conteñen altos niveis dun gas tóxico, o formaldehído, que ten propiedades canceríxenas e provoca irritación ocular. O nivel de contaminación nestas estruturas é 75 veces maior dos admitido. Ademais, os intentos de suicidio nos parques de autocaravanas son 79 veces máis altos ca media nacional e hai sete veces máis casos de depresión.

Segundo un estudo gobernamental, o 14% dos habitantes de Nova Orleáns e da Costa do Golfo afectada polo Katrina ten síntomas severos de enfermedades mentais e o 21% moderados; o síndrome de estrés postraumático, que diminúe co tempo, neste caso incrementouse: un 21% da poboación súfreo, fronte ao 16% de 2006.

Visita de George Bush
Por outra banda, actualmente só funcionan tres dos sete centros hospitalarios, e o Charity, que atendía á poboación máis empobrecida, está pechado. Ademais, das 128 escolas que existían, o 70% foron privatizadas.

Neste escenario, a visita do presidente Bush a unha escola de Nova Orleáns esta cuarta feira para conmemorar os dous anos da catástrofe, coincide cunha súa petición ao Congreso de 50.000 millóns de dólares para financiar a guerra en Iraq.



0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: