Hai trinta anos celebráronse en España as primeiras eleccións libres logo da Guerra Civil. É tempo de repensar ese transo dende unha ollada crítica, porque a transición non comezou coa demolición da ditadura senón cun pacto tácito e baixo a ameaza dos sables. A democratización e a consolidación da monarquía contan no lado positivo do balance. No outro, dúas grandes cuestións sen resolver: a cuestión nacional e o encaixe da Ingrexa, que volta a atravesar un periodo belixerante. Un artigo de Justo Beramendi.
O pasado 15 de xuño cumpríronse trinta anos das primeiras eleccións libres en España dende febreiro de 1936. Unha data acaída para fixar nela o nacemento da actual democracia representativa. Como era obrigado, os medios de comunicación e algunhas institucións celebraron a efeméride cunha enchente de conmemoracións, análises e algunha que outra polémica. Nós faltamos daquela á cita porque outros asuntos de maior actualidade e importancia pedían paso. Hoxe, aproveitando os tempos sempre máis quedos de agosto, facemos o noso particular balance destes trinta anos no eido político.
Non imos entrar na cuestión de se a chamada transición puido ser diferente de como foi, cuestión na nosa opinión de solución imposible e só útil para ser politicamente manipulada por estes ou aqueles. En cambio si ten interese lembrarmos os caracteres principais daquel proceso e as súas consecuencias para o presente.
O final da ditadura por morte natural do ditador e a conseguinte apertura da posibilidade dun cambio de sistema político obrigou unha vez máis á sociedade a procurar, a través dos seus actores políticos, solucións para os grandes problemas sociopolíticos que atravesaran de principio a fin a historia contemporánea de España dende que esta dera os seus primeiros pasos co inicio da revolución liberal en 1808-1814: ditadura ou parlamentarismo oligárquico e clientelar versus democracia; monarquía versus república; Estado centralista versus Estado federal; nacionalismo español excluínte no político e no lingüístico-cultural versus Estado plurinacional; protagonismo político dos militares versus forzas armadas totalmente supeditadas ó poder civil; control ideolóxico e moral da Igrexa católica sobre toda a sociedade versus Estado laico e reclusión das relixións ó ámbito privado de cada quen; e loita de clases aguda, xeradora do dilema revolución/contrarrevolución, versus conflitos socioeconómicos de intensidade media ou baixa, e polo mesmo resolubles mediante os procedementos legalmente previstos.
O pacto non escrito da Transición
O tránsito da ditadura á monarquía parlamentaria en España foi revolucionario polos seus resultados (no sentido de que cambiou cualitativamente o sistema político) pero non pola natureza do proceso, pois este non consistiu na demolición a priori do vello réxime e na expulsión dos seus partidarios e beneficiarios do escenario político para despois construír ex novo o sistema sucesor coa exclusiva participación dos demócratas. Xirou, porén, arredor dun pacto non escrito entre a maioría das forzas antifranquistas e os franquistas con vontade de reciclarse a demócratas de conveniencia. E todo isto baixo a ameaza, latente sempre e ás veces moi patente, dunha intervención militar se, en opinión dos sables, o río do cambio saía da canle. Estes condicionantes, unido ó desexo maioritario da sociedade de que, baixo ningún concepto, se repetise a guerra civil, explican as actitudes dos principais actores e o resultado final. Non está xustificado, xa que logo, o enxalzamento mitificador e acrítico dunha transición que foi, como todos os cambios sistémicos, filla das súas circunstancias, unhas circunstancias que a cargaron de glorias mais tamén de miserias.
Nos momentos iniciais do proceso, entre a morte do ditador e a substitución de Arias Navarro por Adolfo Suárez na presidencia dun goberno aínda franquista, o groso das forzas democráticas estaban unidas no fundamental arredor dun programa coñecido como ruptura democrática: amnistía dos presos políticos, desmantelamento dos corpos represivos do franquismo, depuración de responsabilidades políticas e penais dos beneficiarios da ditadura e goberno provisorio que convocase eleccións a un parlamento constituínte para establecer unha democracia republicana, probablemente federal. Boa parte desas forzas (esquerda estatal e nacionalismos) levaban tamén nos seus programas o dereito de autodeterminación das nacionalidades ibéricas, aínda que o obxectivo táctico asumido por todas era a recuperación inmediata dos Estatutos de Autonomía aprobados na Segunda República.
Como alternativa a este programa de demolición total da ditadura, Adolfo Suárez presentou a súa Reforma Política e conseguiu que fose aprobada dentro da legalidade franquista. Consistía esta no establecemento dun poder lexislativo mediante eleccións libres das que quedaban excluídas moitas forzas de esquerda, o mantemento do poder executivo legado pola ditadura e encabezado polo Rei e a indefinición verbo de moitos aspectos fundamentais.
O resultado final foi unha síntese desigual entre estes dous modelos, conseguida nun ambiente de coacción implícita ás forzas democráticas por parte da extrema dereita e dos Exércitos. A maior parte desas forzas acabaron considerando demasiado arriscado seguir adiante na procura da ruptura e aceptaron unha solución de compromiso. Así que renunciaron á República Federal, ó dereito de autodeterminación das nacións, ó axuste de contas cos criminais políticos da ditadura e mesmo á memoria e á reparación das vítimas do franquismo. E aceptaron a forma monárquica de Estado, legado do réxime en transo de despece. Pola súa parte, Suárez tivo que admitir unha democracia representativa completa e sen exclusións, o que se traducía na legalización dos comunistas, e un modelo de Estado descentralizado pero non federal, a negociar. Este acordo provisional fixo posible as eleccións de 1977, de feito constituíntes. Os detalles do pacto final ficarían fixados na Constitución de 1978.
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 123, agosto de 2007)