A Lei 3/07 é, pese aos seus defectos, un indubidábel paso adiante na complexa loita contra a discriminación da muller, na procura dun novo modelo social. Un artigo de María Teresa Conde Pumpido.
A Lei 3/07 é, pese aos seus defectos, un indubidábel paso adiante na complexa loita contra a discriminación da muller, na procura dun novo modelo social, porque o anterior, baseado nunha familia para toda a vida, cun cabeza de familia como única autoridade, que administra o patrimonio e trae o salario, en tanto a muller se ocupa da familia, tiña como sustento esencial que a muller non tiña dereitos. Pero tal novo modelo, onde participen homes e mulleres en termos de igualdade, debe comezar por aceptar o papel subordinado da muller na sociedade e a súa asunción das cargas familiares, porque non pode conseguirse un resultado igualitario con leis "neutras", que esquezan a desigualdade de situacións de partida: así, pouco avanzamos cando lles recoñecemos ás mulleres os mesmos dereitos que aos homes, en tanto o seu papel familiar e social, e con iso as súas aspiracións e necesidades, son diferentes.
O obxecto da Lei é a "igualdade efectiva de trato e oportunidades" entre mulleres e homes "en calquera dos ámbitos da vida e, singularmente, nas esferas política, civil, laboral, económica, social e cultural " (art.1). É unha norma "transversal" que, dende a perspectiva de xénero, afronta a regulación da igualdade en moi diversos ámbitos normativos (educación, vivenda, saúde pública, política rural, publicidade, etc.). O recoñecemento do principio de transversalidade (art. 15) supón admitir que o Dereito se crea habitualmente sobre un modelo "masculino", pero que, a partir de agora, os intereses e preocupacións das mulleres han de ser tidos en conta, en igual medida, por todos os Poderes Públicos.
Recóllense na Lei definicións básicas de discriminación directa (deixando constancia de que ten tal carácter a discriminación por embarazo ou maternidade), e indirecta, así como do acoso sexual e acoso en función do sexo. Tamén se contempla a "acción positiva" a favor das mulleres, que pretende superar a situación de privilexio do home (aclaro que non está permitida a "discriminación positiva" ou discriminación contra o varón). Procede a unha revisión moi importante da lexislación laboral, funcionarial e de protección social, resaltando o afondamento e garantías en dereitos de maternidade e de conciliación, buscando a corresponsabilidade. Empresas e sindicatos teñen unha oportunidade nos Plans de Igualdade, que permitan avanzar na igualdade no traballo. A democracia paritaria está máis cerca coas cotas electorais. O camiño á igualdade será longo e difícil, porque supón un cambio de mentalidade, de hábitos sociais, da estrutura social mesma, pero valoremos a ferramenta legal que nos dan, aínda coas súas insuficiencias.
Artigo publicado na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 123, agosto de 2007)