As leis británicas castigan o uso de conexións alleas e existen axentes especializados en arrestar os infractores.
Conectarse no Reino Unido a unha rede sen fíos, aínda que estea aberta, pode ser delito / Flickr: arthit
Aproveitar unha rede sen fíos aberta dun veciño pode ser perigoso. Polo menos, no Reino Unido. Un home de 39 anos foi arrestado no oeste de Londres cando se conectaba á rede de balde na rúa, diante dunha vivenda con acceso wi-fi. Obter unha conexión á internet de xeito deshonesto contravén a lei británica de comunicacións de 2003 e mesmo a de mal uso dos computadores.
A detención, que xa non é a primeira que se produce no estado británico polo mesmo motivo, pretende servir de aviso para a xente que considera aceptábel usar ilegalmente as conexións doutras persoas, dixo un voceiro da unidade policial de loita contra o crime informático.