Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Elaborado pola Casa Branca

Os EUA contan cun manual para silenciar as protestas contra Bush

Recomenda que os grupos de mozos republicanos se organicen para boicotear as manifestacións mediante diferentes estratexias.

Redacción - 13:23 23/08/2007
Manifestación anti-Bush en Guatemala

Manifestación anti-Bush en Guatemala

O goberno dos EUA elaborou un manual destinado aos organizadores dos actos públicos aos que acude como invitado o presidente George Bush, para anular o impacto negativo das manifestacións contrarias ás súas políticas, que van a máis a cada día que pasa, sobre todo, dende a invasión militar de Iraq.

O folleto, ao que tiveron acceso medios norteamericanos, saíu á luz grazas a unha demanda da Unión de Liberdades Civís de América (ACLU) e a un matrimonio que en 2004 foi arrestado, nun acto pagado con diñeiro público no que participaba Bush, por vestir camisetas con lemas como O cambio de réxime empeza na casa. A Administración indemnizounos con 59.000 euros, mais non admitiu facer nada impropio.

Pancartas escudo
O primeiro paso, segundo as directrices, é lograr que se lles designe aos manifestantes unha área "preferibelmente non visíbel" dende o escenario do acto ou dende a ruta do convoi presidencial. En troques, equipos de apoio, con lendas a prol de Bush, colócanse entre o público, en áreas ben á vista, para que sexan enfocados polas cámaras.

Ademais, outros grupos de mozos republicanos usan as súas pancartas como escudos para bloquear aos manifestantes contrarios ao presidente.

No caso de que os manifestantes comecen a gritar contra o presidente -subliña o manual- é importante que o equipo de intervención rápida comece a cantar "USA!, USA!, USA!", para acalar as voces dos opositores.

Á procura de carteis ocultos

Tamén, o manual estabelece que todos os que participan en reunións co presidente deben ter unha invitación como entrada, proporcionada polos organizadores. As persoas admitidas na sección VIP ou en seccións próximas ao palco "deben ter unha actitude de extremo apoio" a George Bush.

Por último, namentres o servizo secreto controla o acceso aos actos, equipos de voluntarios deben ser organizados para vixiar á xente en fila, buscando identificar carteis ocultos de protesta, recomenda o manual.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: