Despois de anos no executivo sen atender as críticas polas políticas forestais desenvolvidas, o PPdeG presenta unha inédita proposta na que recoñece a "forte regresión" do castiñeiro no país.
E porén evitan os populares na súa proposta calquera detalle de autocrítica e atribúenlle o retroceso experimentado por esta árbore en Galiza a factores coma "o abandono dos soutos no medio rural polo descenso de poboación, a incidencia dos lumes forestais e tamén a presenza de enfermidades como a tinta e o chancro"
Xa que logo, o PPdeG rexistrou no Parlamento unha proposición non de lei onde lle pide á Xunta un "plan especial para a protección e difusión do castiñeiro". Como aval da proposta sinalan a "tripla funcionalidade" da árbore: "contribúe a frear os incendios, produce froitos comercializábeis e a súa madeira é moi apreciada no mercado".
Ademais, o voceiro para asuntos do medio rural do PPdeG, o ourensán Roberto Castro, pide a creación dun censo de castiñeiros para deseñar un programa de repoboación.