Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
NAS XORNADAS “BUENOS AIRES GALLEGA”

“Na diáspora, a lingua non xoga hoxendía o papel que lle corresponde”

O director do departamento de Lingua e Literatura galega do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires e profesor de galego na Universidad de Belgrano, Carlos Rodríguez Brandeiro, chamou na súa ponencia a concienciar aos galegos sobre o valor da súa cultura e da súa lingua.

Débora Campos - 13:00 18/08/2007

Na diáspora, a lingua galega non xoga na actualidade o papel que lle corresponde. A negación cara ao seu uso (ata por persoas que a dominan), a autocorrección permanente debida á falta de autoestima, a falta de convencemento persoal e o momento que transitamos na nosa historia social emigrante deben ser revisados”, asegurou o director do departamento de Lingua e Literatura galega do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires, Carlos Xavier Rodríguez Brandeiro. Foi durante as Xornadas “Buenos Aires Gallega: inmigración, pasado y presente” que tiveron sitio na Manzana de las Luces da capital arxentina entre o 14 e o 16 de agosto.

Rodríguez Brandeiro é licenciado en Filoloxía Hispánica poa Universidade d´A Coruña e dende o ano 2001 imparte clases no Instituto de Estudos Galegos da Universidad de Belgrano da Arxentina. Ademáis, no ano 2003 foi nomeado director do departamento de Lingua e Literatura galega do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires. Neses postos e noutros, leva máis de seis anos na cidade de Bos Aires e o seu diagnóstico sobre a transmisión da cultura galega aos netos de Galiza foi realista e honesta.

A maior parte das variadas iniciativas para dar a coñecer a nosa cultura, todas elas dunha importancia capital, esquecen en gran medida o vehículo propio de comunicación”, denunciou Rodríguez Brandeiro diante dun público que non se sorprendeu polo que o coruñés dicía (xa que é unha realidade por todos coñecida e asumida) senón, paradoxalmente, porque alguén tivera a valentía de dicilo públicamente.

O profesor non quedou na xeralización e teceu unha lista de casos: “Clases de gaita e percusión ou clases de baile tradicional onde a lingua de relación nunca é a galega; ciclos de cine galego onde a presentación da película realízase en castelán ou, tamén, esas películas son emitidas no idioma de Cervantes cando existe a versión no de Rosalía; conferencias sobre Galicia para un público galego, en castelán; actividades que esquecen as inxentes obras dramáticas galegas (clásicas e contemporáneas). E poderiamos seguir. ¿Son estas as estratexias que nos permitirán sobrevivir cultural e socialmente na emigración cando deixou de achegar novos referentes?”

As verbas do licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de A Coruña cairon como pedras nun estanque. Na conferencia titulada “A transmisión da cultura galega aos netos da diáspora: Experiencias desde Bnos Aires” que formou parte da mesa E das xornadas, Brandeiro opinou: “En Bos Aires, a realidade debe ser modificada, os tempos deben actualizarse e as accións de esparexemento e transmisión cultural deben reformularse en conxunto. A cultura galega nesta quinta provincia precisa de operacións moi ben estruturadas que logren involucrar a toda esta gran colectividade”.

Por iso, o profesor de lingua galega suliñou: “Lograr que eses fillos, fillas, netos e netas de emigrantes galegos volvan mostrar interese polo achegamento á cultura dos seus devanceiros, conseguir que o apego á lingua de orixe non descenda de xeito tan drástico conforme avanzamos na liña do tempo e abrir unha senda para que eses descendentes poidan chegar a involucrarse en maior ou menor medida coa esencia natural das súas orixes debese ser unha actividade urxente e capital”.


4,62/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: