Esíxenlle á Consellaría de Medio Ambiente que reconsidere o proxecto dende o inicio, "dialogando e deixando participar no seu deseño ás comunidades afectadas".
O Sindicato Labrego Galego (SLG) organizou este xoves unha nova asemblea en Xinzo de Limia, para tratar a "problemática" da declaración dunha Zona Especial de Protección de Aves (ZEPA), "debido á negativa da Consellaría de Medio Ambiente a informar ás persoas afectadas".
A asemblea decidiu convocar unha manifestación diante da delegación deste departamento en Ourense, o vindeiro 24 de agosto ás 11:00 horas. Dende o SLG convidan a toda a poboación da Limia a secundar a protesta, xa que "o problema, aínda que afecta de cheo á actividade agrogandeira, tamén é moi preocupante para diversos sectores económicos da bisbarra", tal como coutos de caza ou empresas de maquinaria, entre outros, afirman.
"Actitude arbitraria e escurantista"
Con este acto, o SLG quere denunciar "a actitude arbitraria e escurantista da Consellaría de Medio Ambiente no proceso de declaración de 10.000 hectáreas na comarca da Limia como ZEPA". Segundo a central sindical, a medida imporá graves restricións aos aproveitamentos agrícolas e gandeiros tradicionais da comarca limiá.
"Na delegación de Ourense descoñecían totalmente este asunto", afirman, polo que a principios de xullo solicitaron unha entrevista co director xeral de Conservación da Natureza para coñecer as razóns da consellería para levar adiante o proxecto, xuntanza que non se produciu.
"Plan coherente coa realidade socioeconómica"
A declaración da ZEPA esta amparada en diversas directivas europeas que obrigan á elaboración de plans de xestión coherentes coa realidade socioeconómica da zona a protexer. Segundo o SLG. "resulta esperpéntico que a argumentación científica para incluír 10.000 hectáreas se basee na definición da Limia como unha 'estepa', onde hai presenza ocasional dalgunha especie pouco frecuente de aves, e se teñan excluído zonas de veiga de maior interese faunístico e ornitolóxico".
É por isto que o Sindicato Labrego demanda -"ante a falla de diálogo e a pouca consistencia para esta actuación de tanta envergadura"- que se amplíe o período de alegacións, que está previsto remate o 2 de setembro. Ademais, esíxenlle á Consellaría de Medio Ambiente que reconsidere o proxecto desde o principio, "dialogando e deixando participar no deseño do mesmo ás comunidades afectadas".