Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O seu principal obxectivo son os nenos

EUA busca mellorar a súa imaxe entre os mozos musulmáns a través da internet

"Competimos pola atención e pola credibilidade nun ambiente mediático moi ruidoso e saturado", sinala a subsecretaria de Estado para a Diplomacia estadounidense.

Redacción - 12:00 17/08/2007

Cal Ripken Jr é unha lenda do béisbol nos EUA. O pasado luns o Ministerio de Asuntos Exteriores estadounidense (US State Department) designouno 'embaixador de Boa Vontade'. O feito en si non é unha novidade, mais si o é que o departamento que dirixe Condoleezza Rice decidise facer pública a noticia a través do YouTube, segundo recolle a axencia de noticias Associated Press para a canle de televisión americana ABC.

A subsecretaria de Estado para a Diplomacia, Karen Hughes, que aparece no vídeo de promoción, afirma que o obxectivo desta nova iniciativa é o de dar unha imaxe positiva dos EUA entre boa parte da audiencia mundial -moi escéptica co país norteamericano-, especialmente no mundo musulmán, e particularmente dirixida aos máis cativos.

Os nenos, principal obxectivo

"É moi importante que cheguemos á poboación musulmá de todo o mundo", sinala Hughes, que esta semana acudiu a un campamento de verán en Marrocos para nenos sen recursos, financiado polos EUA.

"O mellor xeito de contrarrestar a desconfianza que os musulmáns teñen nos EUA é amosándolles os valores americanos aos máis novos", asegura. Para isto, os medios online tan populares como o YouTube son, segundo a subsecretaria, o mellor xeito para este fin.

"Como nai que son, sei que os mozos cando entran no instituto xa teñen unha serie de opinións formadas, bastante inamovíbeis", di Hughes, que engade que "os nenos teñen aínda a mente moito máis aberta e maleábel".

Novas estratexias

Como parte desta campaña, membros árabefalantes do grupo de traballo de Karen Hughes participan habitualmente en foros da internet -sen ocultaren a súa identidade, afirma- para defender que "a imaxe existente dos EUA é inexacta", confesa a subsecretaria.

"Durante a Guerra Fría, o noso obxectivo era introducir información en sociedades fortemente pechadas. Hoxe, competimos pola atención e pola credibilidade nun ambiente mediático moi ruidoso e saturado", sinala.

A estratexia en numerosas ocasións bate de fronte contra determinadas políticas dos EUA en Oriente Próximo, especialmente as relacionadas con Israel.

Por exemplo, a publicación do vídeo de Cal Ripken Jr coincide con outro evento que ocupou as primeiras páxinas dos xornais de todo o mundo árabe: a sinatura dun convenio entre o goberno estadounidense e o primeiro ministro de Israel, Ehud Olmert, para a venta de armas por valor de 3 billóns de dólares durante os vindeiros dez anos.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: