Colectivos da emigración convocan a unha "lembranza compartida" en homenaxe aos finados galeguistas.
A Federación de Sociedades Galegas na Arxentina, o colectivo Herbas de Prata, o Museo da Emigración Galega na Arxentina e a Biblioteca Galega de Bos Aires chaman a participar no recordo e homenaxe ao "sacrificio dos galeguistas, nacionalistas, persoas de esquerdas de toda condición e de todos os estamentos sociais".
A homenaxe inclúe en Bos Aires un acto no Salón Arturo Cuadrado, onde se fará unha ofrenda floral a pé do retrato de Alexandre Bóveda e se proxectará o documental "De mar a mar, a saga de Arturo Cuadrado". Na xornada participará o subdirector de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Francisco Naval.
Por outro lado, na capital uruguaia é a delegación do BNG a que organiza as actividades. Así, ao mediodía realizarase unha ofrenda floral na praza Independencia de Montevideo, ao pé do prócer José Artigas. Segundo o Bloque uruguaio, buscan honrar "tanta entrega e sacrificio" e destacan que Bóveda personificou aos "bos e xenerosos", aos que canta Eduardo Pondal nun dos versos do himno.