O venres 10 de agosto ADEGA levou a cabo unha nova xornada informativa, desta volta cos veciños e veciñas de Cangas de Foz, para dar a coñerer as macropiscifatorías con que a Consellería de Pesca vai "agasallar" a este concello. Trátase das instalacións de Gralleira (40.000 m2) e Sarrido (80.000 m2), esta última ás portas do espazo protexido do LIC Río Ouro.
O presente Plano Galego de Acuicultura, revisión do Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, mantén a declaración de supramunicipalidade do documento en revisión, aprobado no Consello da Xunta do 30 de xuño de 2005, co governo saínte aínda en funcións.
Segundo o Decreto 80/2000 do 23 de marzo polo que se regulamentan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, son consideradas de incidencia supramunicipal (artigo 3.3) as “instalacións as destinadas á realización de
actividades económicas primarias, secundarias e terciarias que cumpran as condicións sinaladas no artigo 2.1º deste decreto”. O devandito artigo 2.1 sinala que “Os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal teñen por obxecto regular la implantación territorial das infraestruturas, dotacións e instalacións de interese público ou utilidade social cando a súa incidencia transcenda do termo municipal ...”.
Non consideramos que as instalacións de acuicultura en terra, que actualmente empregan “525 persoas, entre personal de dirección, ventas, calidade, marketing, producción e I+D” segundo o propio documento técnico, deban ser consideradas de interese público ou utilidade social, máxime cando o sector da acuicultura a flote e os parques de cultivo mariños,
inexplicabelmente esquecidos no presente Plano, dan emprego directo a unhas 10.000 persoas (datos de 2002).
Alén disto, o cultivo de peixes planos non pode considerarse en absoluto, “a única alternativa viable para dar reposta á crecente demanda de consumo destas especies” e “un medio necesario para preservar o aumento da biodiversidade mariña” como se dí na documentación complementaria deste Plano Sectorial. Ben ao contrario, os peixes planos criados nestas instalacións (rodaballos e linguados) son especies carnívoras que consumen proteína animal transformada en forma de pensos. Estes pensos son fabricados a partir doutros peixes provintes dos descartes da pesca comercial e con especies que non teñen unha saída directa no mercado capturadas en todos os mares do mundo polos grandes arrastreiros industriais. Portanto, non pode afirmarse que esta actividade contribúa a preservar a biodiversidade mariña ou a limitar as capturas da pesca extractiva, porque de xeito indirecto está a detraer inmensas cantidades de biomasa dos océanos para alimentar aos peixes das granxas, diminuindo a diversidade natural do mar e, paradoxalmente, aumentando a presión pesqueira.