Human Rights Watch denuncia que os residentes da capital de Somalia foron albo no último ano de numerosos crimes de guerra ante a pasividade da comunidade internacional.
"As forzas etíopes, somalís e os rebeldes son todos responsábeis das violacións graves e sistemáticas das leis da guerra" e por "innumerábeis crimes de guerra", conclúe o relatorio divulgado na terza feira pola organización de defensa dos dereitos humanos HRW. O comunicado, publicado en Nairobi, aínda segue: "todas as partes en conflito demostran unha indiferenza total en relación ao benestar dos civís".
A capital de Somalia, unha das cidades máis perigosas de África
Somalia está en guerra civil dende 1991 na capital, Mogadiscio, que foi privada naquela altura de un goberno central, é considerada unha das cidades máis perigosas de África. A situación agravouse dende primeiros deste ano, cando o exército etíope entrou no país en auxilio do débil goberno de transición, acosado polas milicias islámicas que o verán pasado tiñan tomado a capital.
En pouco tempo o exército etíope tomou o poder, e controlando case todo o territorio instalou un executivo propio na capital, apoiado pola ONU. Mais os ataques das milicias islámicas, que aínda teñen combatentes na capital, son diarios e afectan, sobre todo, á poboación civil.
O exército etíope, un dos principais culpábeis
As maiores atrocidades denunciadas no informe de HRW impútanselle ao exército etíope, que é acusado de ter bombardeado "durante longo tempo e sen discernimento" zonas residenciais, no asalto que os levou a tomar o control da capital, despois de que participasen na execución de civís, tomando edificios públicos coma os hospitais.
Os rebeldes tamén son acusados neste informe de poñer en risco a seguridade dos civís, ao se refuxiar en zonas residenciais, mais tamén son acusados de asasinar civís e funcionariado do goberno central.Ao contrario da versión oficial, o nivel de violencia non parou
Segundo este informe, as loitas rexistradas entre marzo e abril provocaron "entre 400 a 1300 mortos", ante o "silencio vergoñento" dos principais gobernos internacionais, ademais do Consello de Seguridade da ONU.