Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A CIG trasládalle o informe do Consello de Contas

A Fiscalía terá que pronunciarse sobre o desbalde no Gaiás

As responsabilidades e presunta "malversación" no proxecto da Cidade da Cultura serán obxecto de estudo da Fiscalía, a quen a CIG-Administración lle fixo entrega forma da análise das contas. De paso, houbo críticas para o actual Goberno por non tomar a iniciativa ao respecto.

Redacción - 09:30 14/08/2007

O informe do Consello de Contas sobre o Gaiás chega agora á Fiscalía, por iniciativa da CIG, colectivo desde onde consideran que o recente informe do Consello de Contas confirma as denuncias realizadas desde hai anos.

Por iso, solicitan a intervención do fiscal para "depurar a e esixir responsabilidades das autoridades e persoal ao servizo da Xunta que polas suas accións foron determinantes para a malversación e despilfarro de fondos do erario público e que teñan incurrido en dolo, culpa ou neglixencia graves". Insisten en que persoas do anterior executivo e particularmente responsábeis do equipo da Consellaría de Cultura durante o goberno de Manuel Fraga deben responder polos presuntos delictos que poderían atribuírselles no contorno deste proxecto.

Ampla lista de temas a investigar

Entre os detalles que o sindicato considera que deben ser investigados polo miúdo, están a presunta malversación de fondos públicos, que se derivaría do desfase orzamentario producido tal e como sinala o informe do Consello de Contas. Tamén chaman a estudar se a cantidade recibida polo arquitecto e as condicións da adxudicación lle permitían delegar a dirección das obras e contratar un equpo técnico no canto de asumir a obra directamente.

Por outra parte, chaman a investigar as cantidades recibidas polas empresas colaboradoras e subcontratadas así como os criterios de adxudicación e a posíbel duplicidade de funcións entre o propio arquitecto e estas. Doutra volta, subliñan o presunto descontrol na contratación do persoal da Fundación Cidade da Cultura, onde non se terían em conta os criterios de igualdade de oportunidades, mérito e capacidade. Ademais, consideran obxecto de investigación as irregularidades na vixiancia das obras.

Reproches ao actual Goberno

As críticas do sindicato chegan tamén ao executivo actual, ao que lle atribúen "pasotismo" ao entender que non se tomou a iniciativa para investigar as presuntas irregularidades en adxudicacións e contratacións. Por este motivo, anuncian que solicitarán a comparecencia no Parlamento unha vez máis da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, para explicar "as medidas destinadas a arranxar este despropósito".

Ao respecto, a propia conselleira respondía este luns, recordando que foron xa varias as ocasións nas que compareceu na Cámara para explicar os detalles do proxecto así como a súa reformulación. Bugallo tamén lembrou que a maioría de cuestións que recolle o informe do Consello de Contas xa formaban parte da propia escolma de denuncias que ela mesma destacou durante a súa primeira intervención parlamentaria.


3,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: