Ao final o sábado desenterráronse os restos de nove membros do Batallón Galicia soterrados nunca foxa común, a pesar de que supostamente o Xulgado de Castropol tiña prohibido a exhumación.
A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Asturias (TSJA) aclarou na segunda feira que "non houbo nin hai" prohibición xudicial aos labores de exhumación de restos humanos que a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) efectúa en Grandas de Salime (Eo-Navia), pertencentes a 14 membros do Batallón Galicia, asasinados en 1937 por varios falanxistas e Gardas Civís.
Con esta información, recollida nunha nota de prensa, o Tribunal quixo pronunciarse sobre unhas informacións que considera erradas, nas que se falaba dunha suposta orde xudicial contraria os labores de desenterramento.
Segundo sinalou o TSJA, no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Castropol non se instou formalmente á apertura de procedemento ningún respecto dos traballos para exhumar os cadáveres: "A xuíza unicamente informou de que unha petición en tal sentido debía presentarse cunha relación dos feitos precisos para examinar a competencia xudicial e adoptar a decisión oportuna", conclúe o TSJA na nota de prensa.
Mentres tanto, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) continúa a exhumación de cadáveres de republicanos asasinados na Fonsagrada e enterrados no concello limítrofe de Grandas de Salime, no Eo-Navia.