Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Complexo debate e posicións afastadas

A segunda lea Caballero-Romeu no camiño da área metropolitanana viguesa

O conselleiro de Presidencia e o actual rexedor vigués xa se enfrontaran polos detalles do proxecto hai máis dun ano. Agora, o modelo de colaboración Vigo-Pontevedra reedita o enfrontamento.

Redacción - 09:30 10/08/2007

A lea na que enredan desde hai meses Xosé Luís Méndez Romeu e Abel Caballero tivo outros episodios conflitivos. En marzo de 2006 xa transcenderan publicamente as súas dispares opinións ao fío do borrador presentado daquela pola Consellaría de Presidencia para a futura área metropolitana de Vigo, que naquela altura contemplaba única e exclusivamente á cidade olívica e os municipios máis próximos do contorno comarcal.

Actuando desde a Autoridade Portuaria coma o potencial candidato á alcaldía que daquela o PSdeG aínda se resistía a presentar publicamente, Abel Caballero reaccionou con belixerancia á proposta de Romeu, pedíndolle directamente que retirase o borrador e que o proceso ao completo se iniciase desde cero.

Caballero aspira a liderar o proxecto
Reprocháballe Caballero a Romeu que non se despregase un amplo diálogo con forzas políticas, alcaldes e axentes económicos e sociais para presentar un borrador abondo consensuado. No fondo, o descontento polo seu propio illamento, dado o peso da propia Autoridade Portuaria, e sabedor Romeu de que o presidente do ente portuario estaba chamado a ser o candidato socialista á alcaldía.

Desde a alcaldía, o contorno de Abel Caballero agardaría agora o deseño dun proxecto que garanta un área metropolitana forte e con ampla dotación de competencias á fronte da cal estaría o propio alcalde de Vigo, quen presidiría un organismo con elevada capacidade de manobra nun área de influencia que abranguería até 28 municipios da zona.

O enfrontamento actual volve colocar as posicións no mesmo lugar. Con Caballero desafiando a Presidencia, loita para a cal asegura contar co apoio do presidente, Emilio Pérez Touriño, quen xa en 2006 saíra en defensa do agora rexedor, obrigando a Méndez Romeu a meter no caixón o seu proxecto. O proceso semella similar desta volta, cun conselleiro que deberá apandar coas esixencias desde o ámbito municipal vigués, desde onde se aspira a pilotar estreitamente todo o proceso.

O eixo Vigo-Pontevedra, adiado indefinidamente

Nese contexto, as posíbeis sinerxias co contorno comarcal de Pontevedra agardarían a unha fase moi posterior. Malia a receptividade existente agora mesmo na cidade do Lérez para aproveitar as posibilidades dun proxecto común, o alcalde de Vigo subliñaba este xoves en público a súa posición ao respecto: "Será dentro de bastantes anos", e engadía, "cando probablemente eu xa non estea aquí". Ao tempo, o rexedor vigués insistiu na súa intención de liderar o debate cos concellos próximos para que antes de que remate o ano exista un borrador que goze de amplo consenso.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: