Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Ao xeito do eixo A Coruña-Ferrol

Nun ano conformarase a área metropolitana Vigo-Pontevedra

A Xunta prescinde do proxecto restrinxido á comarca viguesa e proxecta unha gran área que abrangue as dúas cidades do sur galego.

Redacción - 09:30 09/08/2007

A lea sobre a área metropolitana de Vigo, proxecto presentado, retirado e adiado en diversas ocasións polo actual executivo e os anteriores, chega agora a un importante punto de inflexión. Pouco despois de anunciar que para o norte do país o Goberno apostaría por unha macroárea que se estendese desde A Coruña até Ferrolterra, a Xunta avanza que está xa traballando nunha aposta similar para o sur do país.

"Pontevedra e Vigo constitúen o espazo metropolitano máis evidente polo seu peso económico, polo seu importante tecido empresarial e industrial, pola cantidade de infraestruturas de comunicación e loxísticas que ten e, sobre todo, polo seu peso relativo na economía do noso país", explicou esta cuarta feira o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, durante a súa visita a Pontevedra.

Méndez Romeu expresou a súa convicción de que esta será a primeira estrutura metropolitana a crear en Galiza e situou o proceso nunha "fase preliminar" onde aínda estaría definíndose polo miúdo o ámbito territorial concreto, a avaliación de custos e mesmo as competencias que deberían ceder as deputacións provinciais a estes novos entes. Presidencia agarda que exista "acordo pleno" antes de que finalice o ano, de xeito que poida iniciarse xa o trámite parlamentario e comezar o despregue do proxecto durante 2008.

Ao respecto falou tamén este mércores o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, quen falou da necesidade de buscar o mellor deseño para un área que conte "cunha masa crítica abonda para enfocar cuestións de planificación estratéxica, desenvolvemento económico e infraestruturas". Lores destacou que o eixo Vigo-Pontevedra precisa de fórmulas que respondan á que na actualidade é "unha das zonas máis dinámicas de Galiza, con crecemento vexetativo positivo e coa necesidade de actuacións conxuntas".


4/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: