Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XUNTA POSPÓN AGORA O PROXECTO Á APROBACIÓN DO ESTATUTO DE AUTONOMÍA

Para cando a área metropolitana en Vigo?

Primeiro a reforma do Estatuto de Autonomía e a Lei de Réxime Local e non sería até dispor dese marco lexislativo previo cando viría a "creación" da área metropolitana de Vigo. Así o explicou o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, diante do enfado do PPdeG que por boca do deputado Xesús Palmou acusou ao executivo de realizar "manobras de distracción e atraso", lembrando que non hai moito que o propio presidente da Xunta asegurara a prioridade sobre calquera outra norma desa lei para a área metropolitana. Desde o BNG tampouco cren que sexa necesario agardar a que se complete a reforma estatutaria. E de igual modo, desde a Federación Veciñal viguesa Eduardo Chao quéixanse da falta de ambición do executivo e advirten que a realidade metropolitana "xa vai por diante da normativa".

- 17:48 19/10/2006
Tags:

A liberación da peaxe en Rande, a posta en marcha do proxecto de construción do novo hospital, o segundo cinto de circunvalación ou a iniciativa para o transporte metropolitano foron argumentos usados polo conselleiro de Presidencia este mércores no Parlamento para insistir en que o goberno galego "dá pasos concretos" cara a área metropolitana de Vigo. Recoñeceu así e todo, que a Xunta ralentizará o proceso para a constitución formal do novo órgano metropolitano.

O conselleiro escudou nesas actuacións puntuais para argumentar que a reforma estatutaria e a redacción paralela das "novas directrices de ordenación do territorio" e a posterior presentación da Lei de Réxime Local serán chanzos imprescindíbeis antes de ceder á aprobación da lei de Área Metropolitana para Vigo. Romeu indicou que "non se trata dun novo marco burocrático e administrativo" senón de "organizar o territorio". Segundo explicou, "non falamos só de problemas xurídicos e competenciais, senón de definir áreas funcionais que poidan deseñar, planificar e impulsar o obxectivo económico". Falou Méndez Romeu de poñer as bases dunha rexión "con maior capacidade exportadora que a media de Galiza, que ten que ter un tamaño axeitado para afrontar as necesidades dos parques empresariais existentes no seu territorio".

O PP ve na decisión un "castigo" por ter a cidade alcaldesa do PP
En representación dos populares, o deputado pontevedrés Xesús Palmou dixo ver unha clara relación entre o feito de que a cidade de Vigo teña á fronte á alcaldesa popular Corina Porro, "firme impulsora do proxecto de área metropolitana" e a decisión da Xunta de adiar o proceso. Palmou queixouse de que o goberno free o impulso dunha iniciativa que "permitiría mellorar a calidade dos servizos públicos de medio millón de habitantes dese área" e xestionar recursos de xeito máis eficaz. Lembrou Xesús Palmou que Concellos de todas as cores políticas coincidiran xa nun proxecto de lei consensuado na anterior lexislatura, e que a disposición de socialistas e nacionalistas naquel momento era de apoio á iniciativa.

O BNG non ve necesario agardar polo Estatuto
O propio deputado popular valorara na súa intervención a posición manifestada polo deputado nacionalista Carlos Aymerich, quen rexeitou o aprazamento argumentado por Romeu. Segundo Aymerich a área metropolitana debera constituírse "sen agardar por outras reformas legais". "O tempo non é infinito", advertiu, chamando a exercer xa a iniciativa.

Os veciños quéixanse da lentitude do proceso
No debate vén de entrar tamén a Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao, avisando que o recente debate parlamentario amosa que "dende outras cidades estase a traballar non só para aprazar indefinidamente a creación da lei senón para fragmentar as competencias da área". "Resulta moi pobre esta nova interpretación que agora se quere facer da área metropolitana como un simple distrito industrial e que sexa esta a escusa para aprazar a lei de forma indefinida", láianse.

"En moitas ocasións esta indefinición e carencia dunha lei específica provoca desaxustes e ausencia de resposta rápida", sinalan desde o colectivo, pedindo que non se atrase máis "un marco normativo que facilite o traballo conxunto a partir da plataforma común que supón a área metropolitana".


Ligazóns

0/5 (0 votos)