Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acúsao de "autocompracente e propagandístico"

Novas Xeracións achaca ao bipartito o aumento do paro xuvenil

Din que a Xunta xustifica os datos "botándolle a culpa á herdanza do PP". Desde Traballo responden que respecto a xuño de 2006, descendeu un 11%.

Redacción - 10:00 08/08/2007
María Seoane, presidenta de Novas Xeracións

María Seoane, presidenta de Novas Xeracións

A presidenta de Novas Xeracións, a organización xuvenil do PPdeG, María Seoane, culpou este martes á Xunta do aumento do paro xuvenil e da "precaria situación pola que pasan os mozos para acceder ao mercado laboral". Neste senso, acusou o Goberno de "autocompracente e propagandístico".

Seoane esixiu ao bipartito que non xustifique estes datos "botándolle a culpa á herdanza do PP", malia que a semana pasada a deputada popular Susana López Abella atribuíu á "inercia herdada" dos anteriores gobernos de Manuel Fraga o descenso do paro.

"Non negamos os datos ascendentes de creación de emprego en termos xerais, mais na mocidade o paro medra e faino en termos superiores á media estatal", argumentou. Neste senso, referiuse aos datos do Eurostat para cifrar no 16,85% o desemprego xuvenil, rexistro que comparou con países como Irlanda (9%) e Dinamarca (7%).

Datos da Xunta

Pola súa banda, a Consellaría de Traballo lembrou os últimos datos publicados, de mediados do mes pasado; así, segundo estes, o desemprego entre os menores de 25 anos reduciuse en xullo nun 11% respecto ao mesmo mes de 2006. O número total de parados rexistrados nas oficinas de emprego elévase a 139.938 persoas, das que o 9,4% son menores de 25 anos e o 64,2% son mulleres.

En relación á súa composición, por idade e xénero, hai 50.179 homes, un 12,3% mozos menores de 25 anos, e 89.819 mulleres, das que o 7,7% son menores de 25. Os homes representan o 35,8% e as mulleres o 64,2% do total de demandantes. En todos os grupos de idade e sexo descendeu o paro en relación co mes anterior.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: