Dez mil dípticos insistiranlles aos emigrantes que volveron a Galiza para que se dean de baixa no Censo de Residentes no Exterior. Mentres, segue a incógnita sobre se haberá depuración a fondo antes dos próximos comicios.
Desde a Secretaría Xeral de Emigración explican que queren comezar así, desde as súas competencias, a "optimizar o Censo de Residentes no Exterior" e a través dunha campaña "exclusivamente informativa". O proxecto consiste no envío ao ámbito municipal de follas informativas onde se insta aos emigrantes que retornaron ou que cavilan retornar a regularizar a súa situación.
Así, explícaselles o procedemento para dárense de baixa no CERE e á vez pasar a estar de alta como cidadáns en Galiza. De xeito especial, lémbraselles que desde o momento en que cambia ese status político o exercicio do voto deberano desenvolver nas mesas electorais do Concello no que pasan a residir.