Desde a empresa quítanlle importancia aos riscos e din que os veciños apenas deben atender a "non acender lume se hai unha emerxencia".
"Non é unha zona de exclusión, senón de alerta", defendía este luns desde Reganosa a súa directora de Seguridade, Paula Pieroni. Na opinión desta responsábel da gaseira os poucos veciños que aló viven poderían por iso "desenvolver con normalidade a súa vida". De paso, Pieroni aseguraba que o perímetro de seguridade estabelecido no Plan de Emerxencia Exterior non inclúe 73 vivendas tal e como se avanzara hai pouco, senón "só cinco vivendas".
A empresa indica que o perímetro de seguridade non vai ser medido desde o valado exterior da planta, senón desde o propio punto onde se xere a incidencia. Deste xeito, desde Reganosa insisten en que os veciños só necesitarán coñecer un "protocolo de actuación puntual para casos de emerxencia". En tal estremo de alerta, Reganosa avisaría en primeiro lugar á administración e sería esta, a través do servizo de emerxencias do 112, quen se debería poñer en contacto cos veciños que viven a pé da factoría para transmitirlles a alarma. "Se se avisa que hai unha emerxencia, non se poderá acender un lume ou pirotecnia", subliñan desde Reganosa como única recomendación. "O que está claro é que nestas zonas non se pode poñer unha escola ou un hospital, que esixa grandes evacuacións", recoñeceu en declaracións a Europa Press.
Emerxencias non consideradas
Desde o colectivo veciñal critican que Reganosa lle quite importancia aos riscos da súa actividade e ás implicacións que en materia de seguridade deberían ser atendidas.
Profesionais de urxencias e emerxencias da comarca de Ferrolterra, que apoian as reivindicacións do Comité Cidadán de Emerxencia, asinaban hai poucas semanas un manifesto onde reivindicaban o que daquela aínda era a propia ausencia do plan de emerxencia. Ao respecto, lembraban que Reganosa, cunha capacidade posíbel de até 600 mil metros cúbicos de gas, podería causar "un auténtico desastre" na zona próxima, ben por un accidente na planta ou dalgún dos buques que entrarán con frecuencia na ría.
Lembran por exemplo que cando en 2002 en Hong-Kong tivo un accidente o Gaz-Poem, evacuouse a poboación dun radio de 30 quilómetros. De xeito parecido, en Sidney, a planta de gas de Long Ford sufriu tamén un accidente onde un incendio queimou 800 toneladas de gas e decidiuse evacuar até 40 mil persoas. Sinalan así que unha gran explosión froito dalgún escape de gas, podería queimar unha extensión de até oito quilómetros, chegando a Fene e Mugardos.