O concelleiro de Urbanismo, César Mosquera, advirte contra a presunta intención da Xunta de permitir que siga funcionando a planta.
A advertencia realizáraa tamén hai tempo o propio alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores avisou hai meses de que existiría a presunta aquiescencia tanto por parte da Consellaría coma do Ministerio de Medio Ambiente, para que o complexo de Lourizán poida seguir activo cando menos até 2011. Lores pedíalle daquela á administración galega que axudase a forzar a clausura da actividade da fábrica de Elnosa o próximo 30 de outubro.
Agora, e despois de que o xulgado revogase o informe negativo do Concello sobre a planta, por supostos defectos de forma, o concelleiro de Urbanismo pontevedrés teme que Medio Ambiente aproveite para reabrir o expediente que a empresa necesita para seguir coa súa actividade.
Por outra parte, o Concello de Pontevedra confirmou que se vai recorrer a sentenza que anulou o informe do goberno local sobre Elnosa. "Agora hai máis datos da situación de Elnosa e dos seus plans urbanísticos", explicou Miguel Anxo Fernández Lores. O rexedor agarda que a incorporación de novos informes técnicos municipais á causa eliminarán os matices introducidos polo xulgado. "O que di o auto é que o informe urbanístico presentado é insuficiente", indicou o alcalde, quen tamén acusou a Elnosa de non facilitar toda a información requirida polo goberno local. "Independentemente do que diga o xuíz, a autorización ambiental está denegada pola Consellería de Medio Ambiente e nós imos seguir pelexando para que a fábrica se traslade da súa actual situación", asegurou.