O conselleiro de Xustiza e Traballo, Joseba Azkárraga, cualifica de “gran barbaridade” a carta do presidente do partido.
Un artigo de opinión do presidente do PNV, Josu Jon Imaz, está a provocar unha treboada política no principal partido vasco. Imaz fixo pública este domingo unha carta en diversos medios opoñéndose a un referendo sobre o dereito dos vascos a decidir. Para Imaz, esta consulta, prometida polo propio lehendakari, só ten sentido se primeiro hai un apoio maioritario das Cortes españolas. Do contrario, coida que pode acabar sendo o “plan B” ao que se acolla ETA.
As reaccións xa chegaron este mesmo luns. O conselleiro de Xustiza e Traballo, Joseba Azkárraga (EA) non dubidou en cualificar de “barbaridade” cuestionar a consulta popular. Sobre a oportunidade que pode representar o referendo para ETA Azkárraga non anda con medias tintas: “Se hai consulta ETA vai asasinar en función do resultado desa consulta? Non sei quen lle escribiu este artigo ao señor Imaz, ou se o escribiu directamente, pero paréceme unha gran barbaridade”.
Mais Azkárraga deixa sobre a mesa as fortes diverxencias internas que vive o PNV: “Teño a impresión, dende o respecto que me merecen as reflexións que se fan dende outros partidos políticos, que o señor Imaz está trasladando á sociedade vasca os problemas que ten dentro do seu propio partido”. Azkárraga refírese á loita interna entre o sector máis autonomista, liderado por Imaz, e o máis soberanista, no que estaría encadrado o lehendakari.