Queda menos dunha semana para enviardes as vosas cancións: este sábado 21 coñeceremos as últimas participantes do ano.
A Polo Ghit
Xa temos 32 temas, dende o reggae ao rock, unha chea de versións e varias cancións orixinais. Amor e desenganos amorosos, temática erótico festiva, como o provocativo Tanga de Manolo, o Tango para bailar en tanga de Lamanaestrada e o Efecto Pinocho dos Supersandwich, un convite a gozar dos excesos e relaxarse, bebendo Ata a auga das macetas, c'Un peta en Tarajoña ou Mirando como canta a nosa plantación... Vivindo na Terra do Sol con Sacha na Horta, homenaxeando a esas figuras que non descansan nin no verán, como O socorrista e toda a xente que non ten vacacións...
Diversidade de temas e estilos nesta edición de A polo Ghit, e aínda queda a última traca, que sairá á luz (e ás ondas) esta fin de semana. O ano pasado tivemos nada menos que 36 temas candidatos a convertérense na canción do verán, e este ano imos polo mesmo camiño. Este sábado serán designados os finalistas por votación popular, e o sábado 11 de agosto darase a coñecer a canción gañadora. Os gañadores poderán ir á feira do libro de La Habana para o ano, nunha viaxe organizada pola Consellería de Cultura, e a TVG gravará un videoclip profesional do ghit galego deste verán.