O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destaca como promesas en trámite o Observatorio Galego da Biodiversidade, a Lei da Paisaxe ou a ampliación nun 50% da Rede Natura como exemplos da "aposta do Goberno pola protección do territorio".
Con probabilidade, o Consello da Xunta deste xoves aprobará a creación da Rede de Parques Naturais de Galiza e o seu Consello Consultivo, segundo avanzou este sábado o presidente. Emilio Pérez Touriño defendeu os "esforzos" que na súa opinión fixo o actual executivo para a protección do territorio, medio rural e paisaxe.
Así, recordou que está en trámite a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia e salientou tamén a próxima creación do Observatorio Galego da Biodiversidade, un órgano de consulta e asesoría "chamado a representar un papel importante en todo o relacionado á catalogación de especies ameazadas" e ao que o Goberno lle encargará tamén a elaboración de informes sobre o estado de conservación das nosas especies de fauna e flora. Na mesma liña, lembrou os xa creados Catálogo de Especies Ameazadas, e Catálogo de Árbores Senlleiras, coa fin de "evitar a perda biolóxica de Galiza en todas as súas formas".
Touriño fixo estas declaracións durante o acto de sinatura dun acordo de colaboración co Fondo Natural da Obra Social de Caixa Galicia. O presidente cualificou este proxecto como "a maior contribución privada na historia á protección e á conservación do medio ambiente en Galiza". A Xunta garántelle o apoio á entidade, que á súa vez se compromete a coordinarse coas políticas públicas. O Fondo Natureza xestionará 40 millóns de euros durante os próximos catro anos. A iniciativa manexa xa arredor de dúas ducias de espazos naturais considerados de "alto interese", que comprará ou xestionará de acordo cos propietarios, para garantir a súa recuperación e conservación.