No Val pode haber uns 5.000 falantes, ademais doutros 3.000 que viven fóra. Téñeno como lingua habitual, e non hai perda de transmisión xeracional, aínda que Valverde é o concello máis castelanizado: dende o 60 aumentaron os castelanismos da lingua falada, grazas á escola, ao servizo militar e aos medios de comunicación.
Xa varios filólogos, como Leite de Vasconcelos ou Lindley Cintra, teñen investigado sobre a proximidade co portugués destes dialectos. Clarinda de Azevedo abórdao dende a posibilidade de que a fala proceda do galego-portugués arcaico, e polo tanto sexa máis próxima ao galego actual ca ao portugués. José Luis Martín Galindo fala dunha posíbel repoboación galega,eHenrique Costas sitúaa entre os séculos XII e XIII: a interferencia de leonesismos e a existencia de palabras galegas na Serra de Gata e no suroeste de Salamanca podería indicar que a extensión da fala na Idade Media foi maior.
Graos de normalización lingüísticaAquí soubemos dela no 91, cando Antón Reixa entrevistara no programa
Sitio Distinto a un camioneiro de Valverde que espertou o interese de Francisco Fernández Rei, quen llo comenta a Xosé Henrique Costas González. Mesmo existe un acervo literario nesta variedade: un conto en mañego,
Cuadro de Costumbres foi publicado por José López Vidal na
Revista de Extremadura no 1910. Isabel López Lajas escribiu sainetes en valverdeiro nos anos 30 e 50, e Domingo Frades, mañego e membro da Real Academia Galega, é autor de
Versos de un verán (1977),
As Ellas y o sei castelu (1980),
Algu sobre a nossa fala 1 e 2 (1975) e
Vamus a falal (1994). Severino López das Ellas publicou o primeiro libro en lagarteiro en 1994:
Topónimus d'As Ellas y rimas en Lagarteiru, e o seu irmán Ambrosio escribiu poesía inédita, incluíndo o himno oficial das Ellas.
Ademais, algunha emisora ten emitido programas en valverdeiro, e publícanse a revista
A Nosa Fala ou o trimestral
Anduriña, en lagarteiro. Edítano Fala i Cultura e Amigus d'As Ellas i du sei castelu. A Asociación Fala i Cultura do Val do Ríu Ellas constituíuse no 91, e celebra todos os anos o Día da Fala. Tamén ese 3 de agosto os alcaldes dos tres concellos subscribiron un documento coñecido como o Manifesto dos alcaldes, en que se demandaba ás autoridades provinciais e autonómicas a adopcións de medidas para a conservación da fala. Os carteis e programas das festas, e mesmo as obras de teatro infantil, fanse na fala, e impártense cursos para funcionarios locais da variedade de cada concello.