Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presunto uso de métodos ilegais

Aseguran que a dirección de Calvo en El Salvador aplicoulle o polígrafo a empregados

O suceso estaría relacionado con prácticas "antisindicais" denunciadas desde hai tempo polos axentes sociais locais. Desde o Grupo Calvo negan todas as acusacións.

Redacción - 13:30 10/07/2007
A factoría de Calvo

A factoría de Calvo

Segundo unha información que aparecía esta semana en Rebelión, escrita polo xornalista uruguaio Carlos Amorín, a conserveira Calvo en El Salvador está a facer pasar aos seus empregados polo polígrafo, o tamén coñecido como "detector de mentiras", dentro dunhas "tácticas antisubversivas" que chegan á ilegalidade.

A Seccional por empresa Calvo Conservas El Salvador S.A. de C.V. do Sindicato General de Trabajadores de la Industria Pesquera y Actividades Conexas (SGTIPAC ) denunciou a semana pasada que varios traballadores e traballadoras foron sometidos a interrogatorios baixo aplicación do polígrafo, enchendo de electrodos as peles dos interrogados e someténdoos a unha vexación pública na propia sede da empresa.

Sometían os obreiros ao detector de mentiras

Segundo este artigo, na denuncia presentada ante a Inspección de Traballo de El Salvador polo secretario xeral do SGTIPAC Calvo Conservas, Mariano Alexander Guerrero, el mesmo foi chamado pola xefa de produción da empresa, Dora Lilián Cruz, quen lle manifestou que varios compañeiros da súa área "ían ser sometidos a unha proba poligráfica, debido a que, ao parecer, tiñan ocorrido actos de sabotaxe contra un montacargas e unha banda de produción".

Segundo relata Guerrero: "ámbolos dous feitos tiñan ocorrido nunha zona diferente na que nós estabamos desenvolvendo os nosos labores cotiáns, polo que fiquei estrañado".

Os obreiros foron pasando un a un polo polígrafo

Primeiro foi Guerrero, e posteriormente, a mesma xefa comezou a chamar polos altofalantes a varios operarios á oficina de Recursos Humanos, da que volvían visibelmente alterados. Segundo lles dicían dende a empresa, a proba era totalmente voluntaria, mais o feito de negarse a practicala era, segundo a administración de Calvo, unha proba de ter algunha implicación ou coñecementos dos supostos feitos de sabotaxe.

Nas probas tamén se lle preguntaba aos obreiros se pertencían a algún sindicato, se tiñan querenza pola empresa ou se coidaban que os sindicatos eran realmente beneficiosos para os traballadores.

O polígrafo foi encomendado a unha empresa privada polos responsábeis da planta de Calvo en El Salvador, e incorre, segundo o artigo, nun outro episodio de represión contra os sindicatos, os traballadores sindicados e os dereitos dos traballadores e das persoas. O suceso foi denunciado ante a xustiza Penal do país como "tortura psicolóxica, acoso e chantaxe".

Calvo nega o suceso
"A política laboral da empresa conserveira está e estivo marcada en todo momento polo cumprimento estrito das leis daqueles países onde opera", explican desde a empresa nun comunicado. Así, negan "de forma rotunda" as informacións referidas ao presunto uso do polígrado e calquera acusación sobre represión sindical. Ao fío, afirman que "en modo algún se vai permitir calquera tipo de coacción" e indican que a empresa "vaise manter firme diante das presións por parte do Sindicato Xeneral de Traballadores".

"As autoridades salvadoreñas xa recoñeceron que o Grupo Calvo non só cumpre, senón que incluso supera as normas laborais vixentes naquel país", aseguran desde a empresa conserveira. De paso, avanzan que se reservan o dereito a "tomar as accións xurídicas e legais que se estimen oportunas para defender o bo nome da empresa e a defensa dos seus lexítimos intereses". Alén das acusacións, a nota oficial do Grupo afirma sentirse "orgulloso do nivel de satisfacción e agradecemento demostrado pola maioría do cadro salvadoreño como consecuencia da introdución de numerosos beneficios e iniciativas sociais entre os empregados".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: