Vén de se publicar o segundo número da revista electrónica “
Cos Pés na Terra”, unha revista galega para a información, a reflexión e o debate sobre a sustentabilidade. Desde a independencia e con rigor e espírito crítico, “Cos Pés na Terra” aborda asuntos de interese relacionados co medio ambiente e coa sustentabilidade. Acompañando a publicación do segundo número, creouse un blog que recollerá comentarios de membros do consello de redacción da revista.
O segundo número de
Cos Pés na Terra ábrese cunha entrevista con Roxelio P. Moreira -profesor da USC e un dos principais protagonistas das loitas ecoloxistas da Galicia dos anos 80-, e cun debate sobre a situación do movemento ecoloxista galego.
Os artigos do novo número de
Cos Pés na Terra tratan do ecoloxismo social como ideoloxía, do conflito social e ambiental xerado polo modelo eólico aplicado en Galicia, dos biocombustibles e o aproveitamento enerxético da biomasa, do ferrocarril en Galicia, da necesidade de crear áreas mariñas protexidas en España, do comercio xusto en Galicia e no Brasil, da Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable, da ameaza das armas nucleares no mundo e da escritora María Mariño e o
Courel.
O número complétase con reseñas de publicacións e webs. Os autores dos artigos da revista son membros de movementos sociais e investigadores.
Cos Pés na Terra é unha revista semestral dirixida a calquera persoa con interese en aprofundar en cuestións que teñen que ver coa sustentabilidade e, de forma particular, a activistas de movementos sociais, estudantes e profesionais de áreas relacionadas cos temas da revista, xornalistas, técnicos/as e políticos. Trátase dunha iniciativa promovida desdeVerdegaia coa intención de enriquecer o debate sobre a sustentabilidade en Galicia.