Vieiros falou con Khadad Mhamed, que alerta da venda de armas ao exército marroquí e advirte que volverá a guerra se fracasan as conversas.
K. Mahmed / Foto:M.V.
Os ollos de Khadad Mhamed ferven de carraxe cando se lle fala da postura do goberno español sobre o Sáhara. Mhamed, ministro da República Árabe Saharuí Democrática (RASD) , é o interlocutor ante os cascos azuis que manteñen unha fráxil paz na ex-colonia española. Dende xuño participa nas conversas que organiza a ONU. Negociacións até hoxe inútiles, aínda que haberá outra rolda de conversas en agosto.
Nunha entrevista con Vieiros, o Ministro acusa ao goberno estatal de, unha vez máis, abandonar os saharuís en favor de Rabat. A venda de equipamento ao exercito marroquí -parte do cal se produce en Santiago e na Ría de Vigo- é, na súa opinión, a mellor mostra sobre por quen aposta o gabinete socialista.
Malia que se compromete a seguir negociando, o representante da Fronte Polisario advirte que “se a ONU se retira das conversas porque non hai perspectiva de solución, imos a defendernos por todos os medios, incluso recorrer á loita armada”. A volta ás armas sería a última solución para unha nación que, en palabras de Mahmed, “non é un pobo que se poida domear facilmente, é un pobo que nunca aceptará a dominación”.
Vostede é un dos representantes nas negociacións con Marrocos. Seica, polo de agora, non hai acordo ...
As conversas comezaron despois de que o Consello de Seguridade da ONU adoptara unha resolución chamando ás partes a negociar para que o pobo saharauí poida exercer o seu dereito á autodeterminación. O que se discute é o exercicio dese dereito. As negociacións comezaron o 18 de xuño preto de Nova York e durante dous días cada parte presentou as súa solucións. Despois de dous días, o enviado da ONU decidiu, co apoio das partes, convocar outra reunión o 10 de agosto. Nós temos a firme decisión de seguir negociando ata que finalmente haxa paz.
Pero vostede cre posíbel chegar a un acordo cos marroquís?
O paso dos anos demostrou que Marrocos non pode domar á nosa pequena poboación. O seu principal fracaso é que -malia empregar a forza militar con máis de 150.000 militares e policías, a represión e a corrupción- a resistencia segue viva. A comunidade internacional e a ONU non poden ignorar isto moito máis tempo. O feito que Marrocos sexa amparado por grandes potencias non cambia nada a ecuación, cuxo factor principal é que o pobo saharauí está en contra da ocupación. Así que o futuro pertence ao pobo saharauí.
Di que grandes potencias están con Marrocos. Que papel está a xogar o goberno español?
Hai un cambio na postura do goberno español, que apoia a Marrocos. Hai matices, pero falando claro, é unha posición próxima aos marroquís. É unha desgraza, porque España é o estado que máis coñece aos saharauís, e sabe cales son os seus sentimentos. Pero tamén sabe que non é un pobo que se poida domar facilmente, é un pobo que nunca aceptará a dominación.
Séntense vostedes abandonados ou traizoados polo goberno de Madrid?
Sen dúbida, dende 1975! Pero a repetición da traizón que se dá dende 2004 é máis grave aínda; porque en 1975 podíase alegar que España non era democrática, pero hoxe esta política de ignorar os dereitos do saharuís e completamente inaceptábel.
En todo caso, a RASD non está disposta a aceptar a proposta marroquí de conceder só unha autonomía ...
Non se pode pedir á nosa poboación, despois de tres décadas de resistencia e calvario, que acepte unha solución que non sexa democrática. Impoñer esa solución non favorece a paz e a estabilidade na rexión, mesmo prexudica á estabilidade en España. Por que intentan impor a vontade de Marrocos? Por que no 75 ignorouse ao pobo saharauí e España, Marrocos e Mauritania repartiron o noso territorio? Sería imperdoábel que en 2007 España repita o mesmo erro.
Daquela as relacións con Madrid agora non son precisamente boas ...
A relación con España é moi importante para nós. Temos vínculos coa sociedade civil, cos partidos e co mundo da cultura. O rol do Goberno debería ser, cando menos, o da neutralidade; permitir que as partes poidamos avanzar cara a paz e non apostar por Marrocos.
Se se rompen as conversas, a Fronte Polisario pode volver ás armas?
A Fronte Polisario opta pola paz e a política dende 1991. O problema segue discutíndose ONU, non pasan tres meses sen que o Consello de Seguridade discuta sobre o Sáhara. Mentres haxa interese no Consello de Seguridade, imos optar pola vía pacífica. Pero se a ONU se retira porque non hai perspectiva de solución, imos a asumir a nosa responsabilidade, imos a defendernos por todos os medios, incluso recorrer á loita armada.
En Galiza fabrícanse armas para o exército marroquí, Urovesa véndelle vehículos e Rodman patrulleiras. Que lle parece que dende o Estado español se subministren armas a Rabat?
É outro exemplo da aposta do Goberno español en favor de Marrocos. Non é só o apoio político que lles dá na ONU, por ver primeira España non votou a favor da autodeterminación! Se a isto lle engadimos a venda de armas, vese claro cal é a posición de España no conflito. Madrid non axuda á paz, ao contrario, desanima as negociacións e crea unha solución máis favorábel á guerra que a paz.