So catro de cada dez aprobarían o exame esixido aos emigrantes que aspiran a obter a cidadanía.
Os canadenses saben tan pouco do seu país que a maioría suspendería o exame esixido aos inmigrantes aspirantes a obter a cidadanía do país norteamericano. Así se desprende dunha enquisa publicada a pasada fin de semana.
Tan só catro de cada dez aprobarían, segundo a sondaxe elaborada por Ipsos-Reid, que xa en 1997 fixera unha similar con mellores resultados. Naquela ocasión a porcentaxe de canadenses que suspenderían era do 45%, quince puntos menos que dez anos despois.
Cuestións básicas
"Os canadenses semellan ter un maior descoñecemento canto máis básicas e elementais son as cuestións", sinala a compañía nun comunicado.
Tan só o 4% sabía cal son os requirimentos que un habitante de Canadá debe cumprir para poder votar; unicamente un terzo foi capaz de identificar correctamente as distintas provincias e territorios do país; e só o 8% era coñecedor de que a raíña Elizabeth II é a xefa de Estado de Canadá.
O estudo foi encargado polo Dominion Institute que defende a implantación dunha especie de 'exame de cidadanía' nos institutos obrigatorio para se poder graduar. O seu obxectivo é impulsar o coñecemento da historia e dos valores canadenses.