Na quinta feira celébrase en todo o mundo o Día do Orgullo Lésbico, Bisexual, Gai e Transexual, no que millóns de persoas reivindican o dereito a seren recoñecidos como o que queiran ser, mesmo disidentes de xénero.
O Día do Orgullo termina por se converter nunha festa, pero sempre cunha forza reivindicativa que non cala en todo o ano. Por todo o país organízanse manifestacións, festas, encontros, proxeccións audiovisuais, mesas redondas, e mesmo mari-pícnics, coma todos os anos.
Celebracións e actos por todo o país
Para a fin de semana están programados varias festas, actos e manifestacións por toda Galiza, e mesmo para semana que vén, nos que cadaquén reivindicará o dereito a escoller a súa condición sexual e o dereito a ser visto coma calquera outra persoa, sexa cal sexa o seu xénero.
As reivindicacións deste ano viran, sobre todo, arredor da necesidade de rachar cos tópicos na famila e nas relacións afectivo-sexuais. Ir alén dunha familia nuclear, das que saen nas estampas franquistas e virar as normas sociais, porque é un dereito. O ano pasado, e tamén este, o chamado Foro da Familia, que avoga pola, por eles chamada, "familia tradicional", manifestouse moreas de veces contra os cambios as transformacións da realidade e de cousas que para eles son "inquebrantábeis".
Agora milleiros de persoas dan a contra-réplica, nun día no que as familias tradicionais, as "familias nucleares" poñen medo, por que son, segundo algunhas arelas LBGT, "radioactivas".
Os corpos sen norma, os afectos sen límite e os praceres sen lei
Este é un dos lemas deste ano do colectivo Maribolheras Precárias, d'A Coruña, que ten organizados tres días de festa e reivindicación sen parada: haberá palestras, proxeccións de filmes, performaces, festa con estelares actuacións e mesmo unha manifestación con sound system incorporado. Todo isto entre o venres 29 e o sábado 30 de xuño.
En Compostela, os membros de Aturuxo pensan facer a súa manifestación anual o vindeiro día 7 de xullo, despois do mari-picnic na Alameda. Á noite haberá unha festa tamén na Praza da Quintana. Mais no día propio do Orgullo inauguran unha exposición na cidade, coas fotografías participantes no I Concurso de Fotografía LGBT, que eles mesmos organizaron.
En Vigo, a asociación Legais entrega na noite da quinta o Premio Legais ás directoras do Posgrao Oficial en Estudos de Xénero da Universidade de Vigo, Purificación Mayobre e Beatriz Suárez, pola súa colabración desenvolvendo estudos que permitan terminar coa desigualdade.
En Lugo a festa xa a celebraron algo antes, o pasado sábado 23 de Xuño, e estivo organizada polo Colectivo ALAS.
E noutras cidades e vilas de Galiza, a festa tamén está garantida!
38 anos de Orgullo
Aínda que hai días para sentirse orgulloso de moitas cousas, un dos primeiros a reivindicarse foi o Día do Orgullo Gai, que se celebrou por primeira vez o 28 de xuño de 1969, cunha marcha en Stonewall, como xeito de protestar contra a discriminación e a violencia que se viña exercendo sobre as persoas gais en Nova York.
Gilbert Baker deseñou, anos despois (en 1978) unha bandeira inspirada no movemento hippy e as reivindicacións da cidadanía negra, na San Francisco Gay and Lesbian Freedom Day Parade. As cores do arco da vella representan a diversidade. Primeiro foron oito, logo sete, e finalmente quedaron en seis. Dende aquela, a fin de semana máis próxima ao 28 celébrase, cada ano, o Día do Orgullo.