Alfonso Eiré, d'A Nosa Terra; Carme Avendaño, de Érguete; e Francisco Rodríguez, polo Proxecto Galicia, recolleron os galardóns
Preto de 200 persoas acudiron até o hotel San Francisco, en Compostela. O patio acristalado deste inmóbel acolleu o acto de entrega das Medallas Castelao. Este ano a Xunta distinguiu a asociación contra a droga Érguete, o semanario A Nosa Terra e o Proxecto Galicia, da editorial coruñesa Hércules
O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, foi o encargado de entregar os galardóns. Mais no acto tamén estivo o executivo en pleno e diferentes persoeiros da vida cultural e empresarial do país.
O director d'A Nosa Terra, Alfonso Eiré, recordou que Castelao estaría contento polo recoñecemento “ao seu proxecto e ideario. Premiando A Nosa Terra, prémiase a Castelao”. Eiré lembrou aos centos de persoas que colaboraron nos últimos anos co semanario pero tamén a galeguistas históricos como Alexandre Bóveda, Otero Pedraio ou Ánxel Casal.
Unha forte ovación tamén acompañou a entrega de medallas a Carme Avendaño, de Érguete, e a Francisco Rodriguez, do Proxecto Galicia.