O diario estadounidense The New York Times analiza diariamente e de xeito pormenorizado os documentos desclasificados polo servizo de intelixencia dos EUA.
Logo de que o pasado martes o servizo de intelixencia dos EUA, a CIA, desclasificara os seus documentos secretos correspondentes ao período 1953-1973 -o máis duro da Guerra Fría- o xornal estadounidense The New York Times constituíu un panel de historiadores e de expertos na axencia norteamericana para revisar, analizar e comentar polo miúdo as novas revelacións.
A completa información está toda recollida nun blog na internet, de fácil acceso e consulta, que conta con diversos gráficos explicativos e a posibilidade de descargar os documentos orixinais. Lamentabelmente para os que descoñezan o idioma tan só conta con versión en inglés.
Dúas décadas convulsas
Entre 1953 e 1973 ocorreron sucesos cruciais na historia recente e futura da humanidade. O papel xogado por Washington a través da CIA poderá ser descuberto finalmente.
Así nesas dúas décadas, os EUA buscaron frear a extensión do comunismo en América Latina, foron impostos gobernos militares, bombardeouse Guatemala, sucedeu a Revolución Cubana e a posterior crise dos mísiles, tentouse asasinar a Fidel Castro, o 'Che' Guevara lanzou a súa guerra de guerrillas en Bolivia e Salvador Allende asumiu a presidencia de Chile.
Ademais, produciuse o escándalo do Watergate que levou a Richard Nixon a renunciar ao seu cargo de presidente dos EUA, os irmáns Kennedy así como Martin Luther King foron asasinados, e tivo lugar a guerra de Vietnam. E tamén, a Guerra Fría coa URSS, cunha Europa dividida en dous bloques, vivía os seus peores momentos.