Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Segundo denuncia ASVDH

Marrocos detén outros cinco estudantes saharauís, catro destes menores

A Asociación Saharauí de Graves Violacións dos Dereitos Humanos condenou as "torturas" cometidas polas Forzas de Seguridade marroquís.

Redacción - 13:43 27/06/2007
Imaxe de denuncia dun detido / Foto: ASVDH

Imaxe de denuncia dun detido / Foto: ASVDH

Segundo denunciou este martes a Asociación Saharauí das Vítimas de Graves Violacións dos Dereitos Humanos cometidas polo Estado marroquí (ASVDH), as Forzas de Seguridade de Marrocos detiveron outros cinco estudantes saharauís -catro destes menores.

Os encarcerados son Reda Ennasiri, de 15 anos, Mohamed Buchanna, El Bussati e Mohamed Kuman, de 14 anos, e Brahim Dudi, de 19. A ASVDH sinalou que as detencións se produciron o luns e que o martes estes aínda non foran liberados.

Ademais, a organización fixo referencia aos casos doutros mozos apresados hai días e que aínda permanecen encarcerados. É o caso de Mohamed Lefkir, de 15 anos, que "está detido con outra persoa sen identificar dende o domingo 24 de xuño".

Concentracións pacíficas
ASVDH di que en todos os casos as detencións producíronse por exerceren o seu dereito a se concentrar pacificamente, e que as Forzas de Seguridade marroquís violan as garantías procesais que recollen as leis estatais.

Neste senso, cita o caso do mozo de 17 anos Mohamed Butabba, que tras ser apresado no barrio Maatala de El Aaiún por participar nunha manifestación o pasado 16 de xuño, "permaneceu seis días baixo custodia".

A lexislación marroquí estabelece que o período máximo de custodia policial sen que se presenten cargos é de 48 horas, prorrogábeis outras 24 a petición do Ministerio Fiscal, circunstancia que "non se produciu" neste caso, segundo a ASDVH.

Chamamento á comunidade internacional
"A ASVDH mantén a súa preocupación por estas novas prácticas das forzas de represión marroquís, que deteñen a saharauís e os manteñen varios días detidos no centro da policía xudicial, mentres os someten a torturas e malos tratos antes de liberalos como se non pasase nada", sinalan.

A asociación fixo un chamamento aos organismos internacionais de dereitos humanos e á ONU para que "protexan aos cidadáns saharauís, sobre todo aos menores vítimas de torturas e malos tratos, que son obxectivo das forzas de represión marroquí".


2,75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: