As enquisas non atinaron en Francia o resultado desta segunda volta. Mesmo un ministro, o número dous do goberno Fillon, foi derrotado na súa circunscrición.
Alain Juppé, líder destacado por baixo do primeiro ministro François Fillon, non conseguiu o escano polo que competía, e quedou atrás da candidata socialista, Michele Delaunay, por apenas unha presa de votos. O propio Fillon subliñara como condición para a continuidade no goberno dos seus ministros que estes gañaran o seu escano aló onde foran candidatos. Xa que logo, Juppé anunciou que este luns presentará a súa dimisión.
O caso de Juppé é un exemplo de como os prognósticos viraron ao paso dos votantes polas urnas este domingo na segunda volta das lexislativas francesas. A esmagadora vitoria que se debuxaba para a UMP de Nicolás Sarkozy quedou sensiblemente reducida. Así, os resultados definitivos outórganlle só 324 deputados ao seu partido, moi por baixo do que lle concedían as sondaxes e mesmo caendo abaixo dos 359 cos que contaba na actualidade a UMP, que conseguiu desta volta 314 escanos. No outro estremo, o Partido Socialista chimpa aos 205 escanos, 58 máis dos que tiña. Iso si, a UMP mantén unha maioría absoluta que lle permitirá a Sarkozy poñer en marcha as estratexias anunciadas a través do executivo Fillon.
Mentres, en Francia é tamén noticia o anuncio de separación entre Ségolène Royal e François Hollande. A candidata socialistas nas pasadas eleccións presidenciais e o actual secretario xeral do Partido Socialista francés, rachan a relación de case trinta anos e catro fillos xuntos.
Máis en Le Monde e Liberation.