A Unión Democrática de Traballadores do Téxtil de Cambodia denuncia as condicións dos provedores de Inditex, como contratos sen dereito a baixa por enfermidade
Operarias do textil en Cambodia / Foto: communisme.wordpress.com
Salarios mínimos de 37 euros ao mes e contratos de entre un e dos meses, sen dereito a baixa por maternidade ou enfermidade. Estas son as condicións nas que traballan os cambodianos para provedores de Inditex e outras grandes compañías do téxtil, denuncia a Unión Democrática de Traballadores do Téxtil de Cambodia (CCAWDU).
Suba de 10 euros en sete anos
O vicepresidente deste Sindicato, Athit Kong, asegura que “é case imposíbel" negociar unha mellora das condicións laborais. Kong -que visitou Madrid esta semana- destaca que o salario mínimo unicamente subiu 10 euros en sete anos.
Zara, Nike, Adidas ou Levi's son algunhas das marcas para as que, indirectamente, traballan os proletarios cambodianos. Estas multinacionais contratan o 90% da produción do país, di a CCAWDU. Porén, os sindicatos teñen que negociar cos provedores locais, que "tampouco logran grandes ingresos".
A versión da empresa
Inditex argumenta que impón a todos os seus provedores un estrito Código de Conduta. “Se un provedor paga menos do mínimo legal nese país ou se detectamos un caso de traballo infantil, deixamos inmediatamente de ter relación comercial con el” deféndense fontes da empresa.
Athit Kong visitou Europa como parte da campaña Roupa Limpa, coordinada por Setem e na que colaboran outras asociacións como Amarante. Nesta campaña sinálase a Inditex -que onte anunciou un novo record de beneficios- como unha das firmas que se aproveitan dos traballadores do terceiro mundo para ofertar roupa a prezos baixos.
"Prácticas non coherentes co Código"
Setem destaca que as prácticas comerciais de Inditex -como prazos de entrega excesivamente curtos e sen contrato cos provedores- “non son coherentes co Código de Conduta”. Este texto especifica que os provedores de Inditex non poden contratar menores de 14 ou 16 anos (segundo as leis do país) e deben respectar a liberdade sindical dos traballadores.
Fontes de Inditex insisten en que as empresas auditoras vixían que os provedores cumpren o Código, e que de non facelo non traballan para a empresa de Amancio Ortega.
Malia estas medidas, o vicepresidente da CCAWDU denuncia que aos sindicatos élles moi “moi complicado” defender os dereitos laborais, até o punto de ter que “aproveitar as horas da comida para conciencialos”.