Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
NARCISO DE GABRIEL, CATEDRÁTICO DE HISTORIA DA EDUCACIÓN

De que nos valeu saber ler?

Ninguén crería que a mediados do século XIX A Fonsagrada e Lalín foron os dous lugares máis cultos de toda Galicia. Cando menos, ninguén que non tivese diante as completas táboas e análises que traza Narciso de Gabriel en Ler e escribir en Galicia. As taxas de alfabetización, a distribución xeográfica dos letrados, os ritmos peculiares da incorporación da muller á lectura e á escritura ou o impacto da emigración son algunhas das chaves que vai debullando De Gabriel na súa obra (Universidade da Coruña, 2006), e que agora repasa nesta entrevista. Unha entrevista de Xabier Cid con fotografías de Quico López.

TEMPOS Novos - 08:00 13/06/2007
Narciso de Gabriel, visto por Quico López.

Narciso de Gabriel, visto por Quico López.

Levamos xa un tempo falando de ler, de escribir. Falando do pasado cos datos dos censos despregados enriba da mesa. Para o xornalista é cousa nova; pero Narciso de Gabriel leva dende 1979 traballando sobre estes números, sobre estes indicadores, calculando onde e como foi a escolarización en Galicia nos últimos douscentos anos.

O libro é a segunda parte do que debería ser a tese de doutoramento. Por esas cousas, a tese ao final só falou da escola como institución (Ediciós do Castro, 1991) e quedáronme fóra a segunda e a terceira parte, a da alfabetización e a do mestre como figura absolutamente central en calquera proceso de escolarización. Con estes datos comecei a traballar a principios dos anos noventa, rematei en 2001, traduciuna Valentín Arias, e publicouna hai uns meses a Universidade da Coruña. Pero si, o libro forma parte de... si, dunha triloxía.

Quizais o máis impactante de todo o estudo sexa estender ese mapa das grandes zonas alfabetizadas no século XIX. Vaia sorpresa...

No libro diferencio catro focos principais de alfabetización, pero hai dous que teñen unha especial amplitude xeográfica. Unha cobre boa parte da provincia de Lugo, e ten o seu pólo difusor na comarca da Montaña, no partido xudicial da Fonsagrada; unha segunda zona esténdese a unha e outra ribeira da divisoria entre as provincias da Coruña e de Pontevedra, e ten no eixo Lalín-A Estrada un dos seus puntos de difusión máis intensos.

Cales son as razóns?

A segunda zona, a de Lalín-A Estrada, resulta explicábel en virtude das causas de invocación máis habitual: é unha zona onde ten unha importante presenza o traballo artesanal, é unha zona onde existe tamén unha importante rede de escolas, e ademais é unha zona relativamente rica dende o punto de vista agrícola. Por iso as altas taxas de alfabetización nesta zona poden explicarse digamos cun modelo habitual e sinxelo. A outra zona, a da montaña luguesa, que ademais figura constantemente á cabeza en todos indicadores de alfabetización, resulta máis complicada. A razón máis inmediata é que nesa zona foi onde primeiro apareceron as chamadas escolas de ferrado, que eran escolas de carácter particular, onde impartían clase mestres afeccionados e que funcionaban normalmente durante os meses de inverno, cando o traballo no campo diminuía e quedaban horas libres. Pero si: as cifras son realmente espectaculares, sobre todo no partido da Fonsagrada. En 1887, entre os mozos de 21 a 25 anos dábase unha taxa de alfabetización superior ao 70%, taxa conseguida, ademais, sen case escolas públicas. En todo o concello só había dúas. O mesmo acontecía en Baleira, por exemplo. Mira, eu son de alí, e nunca imaxinei que podería o meu concello estar en ningún momento á cabeza do proceso de alfabetización: unha zona rural, montañosa, relativamente pobre e onde non se albisca ningún factor que poida explicar a alfabetización. Pero foi así. Con todo, na zona existía unha diferencia moi importante entre a taxa dos homes e a das mulleres: os niveis de alfabetización masculina máis amplos coinciden nesta área cos femininos máis baixos.

No libro comentas que unha das razóns pode buscarse no reparto das terras, onde primaba a proxenitura.

Si, Ofelia Rey Castelao, nun traballo que cito no libro, alude tanto o labor alfabetizador que desempeñou o clero, por exemplo, coma o que desempeñaron os segundoxénitos. Esa era efectivamente unha das zonas de Galicia onde o clero tiña un maior peso, e tamén alí os sistemas herditarios facían que nas casas existisen os chamados segundóns, é dicir, persoas que vivían na casa pero que non podían optar á propiedade da terra. Por iso víanse obrigados a realizar determinadas actividades que lles proporcionasen unha certa autonomía económica. Efectivamente, entre os escolantes que eu entrevistei na zona de Lugo varios deles eran segundóns. Outras fontes que manexei demostran que un importante número de cregos actuaban ou traballaban tamén como escolantes. Aí podería estar a explicación.

Sáenos unha visión algo diferente da habitual da Galicia decimonónica.

Si. A min o que máis me chamou a atención do resultado da investigación, sobre todo nun primeiro momento, foi que a poboación masculina, os homes galegos, tiveron sempre un nivel de alfabetización superior á media española. Normalmente cando se fala de Galicia acostuma a facerse en clave de atraso, e efectivamente isto é certo en moitos indicadores, pero no que respecta ao nivel básico de edcuación da poboación afirmo, en base aos datos censais, que os homes galegos tiveron sempre un nivel superior á media. E iso probabelmente fose máis certo aínda durante o Antigo Réxime, como se pon de manifesto cando se empregan os datos do censo de 1887 para analizar retrospectivamente que é o que puido ocorrer a finais do século XVIII.

Nestas partimos de que atraso e alfabetización non van xuntos... Pero se cadra é demasiado supoñer.

Posibelmente ás veces sobrevaloramos a importancia que pode ter a alfabetización tanto para o desenvolvemento persoal como para o social. Á alfabetización téñenselle imputado beneficios positivos que algúns investigadores consideran lonxe de ser evidentes. Pero non é menos certo que, dende o punto de vista persoal, conforme avanzamos na contemporaneidade, as persoas van pouco e pouco caendo na conta de que para elas pode ser interesante aprender a ler e escribir. E pode ser interesante mesmo se o seu horizonte vital se circunscribe ao rural galego. Non eran moitas a ocasións en que as persoas tiñan a oportunidade de evidenciar a súa condición de alfabetizado, ou de analfabeto, pero esas ocasións abofé que existían. Por exemplo, necesitábase descifrar e escribir as cartas. A portada que escollemos para o libro creo que é expresiva desa realidade. Hai un señor, un velliño, que lle está lendo unha carta a unha señora da que só se ve a sombra, e que non sabía ler. A necesidade de ler as cartas, as necesidade de descifrar as escrituras da propiedade, os trámites administrativos que eran cada vez máis frecuentes... As persoas entenden que iso pode ser útil para elas, e as familias entenden que pode ser útil que os fillos aprendan a ler e a escribir. Ou cando menos unha parte dos fillos.

Iso para os que están dentro. Pero tamén están os que marchan.

Si, a percepción da utilidade da lectura e da escritura afiánzase na medida en que as persoas entenden que poden abandonar ese medio rural. E aquí creo que hai dúas experiencias que tiveron un importante impacto na valoración da lectura e da escritura. Unha delas é a da emigración. A emigración é un dos factores que máis favoreceu o desenvolvemento da alfabetización en Galicia. Os emigrantes aprenderon que, así como a condición de analfabeto podía ser relativamente indeferente para vivir na Galicia rural, consistía porén unha eiva importante para emprender a experiencia migratoria. Contamos con moitos testemuños que poñen de manifesto cómo as persoas que emigraron tiñan unha valoración moito máis positiva da cultura escolar. E esa valoración moito máis positiva proxectábase sobre Galicia: os galegos, na medida en que se percibiron como emigrantes potenciais, tamén aprenderon a valorar máis a lectura e a escritura.

E a outra experiencia?


A segunda era o servizo militar. De feito sabemos que moitos mozos decidían aprender a ler e a escribir cando se aproximaba o momento de se incorporaren ao exército, e solicitaban o servizo dun escolante para que ás noites lles aprendese. Eran as chamadas pasantías. Estas dúas experiencias, tanto a da emigración coma a do servizo militar, estaban restrinxidas aos homes. No caso do servizo militar na súa totalidade, e a emigración foi inicialmente protagonizada tamén por homes. De aí que estes dous estímulos non actuasen no caso das mulleres, o que dificultou o seu acceso ao dominio da lectura e da escritura. E cando as mulleres empecen a participar de forma decidida na corrente migratoria, no primeiro terzo do século XX, a sociedade galega comezará a ter unha percepción máis positiva acerca da conveniencia de instruílas.

Ou sexa, que de todos os factores, o menos determinante foi a escola.


Galicia tivo ata 1920 unha rede escolar pública menos mesta e de menos calidade cá que existía no conxunto do estado. Resultaba especialmente difícil construír unha rede de escolas públicas pola dispersión, polo espallamento da poboación. De feito, pouco despois de aprobarse en España a primeira lei xeral de educación, a Lei Moyano (1856), foi necesario ditar unha real orde específica, en 1859, co propósito de adecuar esa lei ao marco galego. O estado, e concretamente o reitorado da Universidade de Santiago, de quen dependían nese momento todos os centros de instrución pública que había aquí, caeu na conta de que a lei, tal e como fora aprobada, non resultaba aplicábel en Galicia, onde se reunía a metade dos núcleos de poboación do estado e onde vivía naquel tempo aproximadamente o 10% da poboación española. Resultaba especialmente difícil crear nesas condicións unha boa rede escolar. E a pesar do esforzo realizado na década de 1850, e despois no primeiro terzo do século XX, o número de escolas públicas por habitante foi inferior ao do conxunto do estado ata 1920. Se poñemos en relación a escolarización pública coa alfabetización observamos que practicamente non hai relación entre ambas variábeis. Se queres miramos para os dous maiores focos de analfabetismo: o sur da provincia de Ourense e todo o interior da da Coruña coinciden con zonas onde a escola pública está máis presente do habitual. Esas dúas son áreas onde o custo en instrución pública por habitante é maior.

Vaia, tampouco no XIX melloraban as escolas por meterlles máis diñeiro...

Unha conclusión que tiro de toda esa situación do XIX é que a alfabetización, a evolución histórica da alfabetización en Galicia, dependeu máis da demanda dos sectores populares e das fórmulas que os propios sectores populares puñan en marcha para alfabetizarse, ca da oferta estatal e da presión exercida polo estado. Isto é manifestamente claro.

Falemos agora da poboación non alfabetizada. Os vellos, por exemplo...

Moi matizábel iso. A alfabetización, antes da segunda metade do século XX, antes de 1950, por poñer unha data, era un proceso aberto en termos evolutivos. É dicir, é un proceso que tiña lugar durante unha boa parte do ciclo vital. Así como hoxe en día os nenos e as nenas aprenden a ler e a escribir na infancia, nos primeiros anos da vida, na educación infantil, na educación primaria, durante a maior parte da historia podía aprenderse a ler e a escribir, e de feito aprendíase, a idades moi variábeis. Unha parte da poboación aprendía aos nove ou dez anos, si, pero non era inusual que aos vinte, trinta, corenta ou cincuenta anos se pasase da condición de analfabeto á de alfabetizado. É dicir, antes de 1950 a alfabetización aínda non estaba escolarizada, aínda non se cinxía ás idades escolares. Tampouco debemos menosprezar entre as instancias que contribuían á alfabetización, ademais das escolas públicas e das escolas particulares (sobre todo as escolas de ferrado), unhas fórmulas máis informais, case de autodidactismo. Algunha xente aprendía a ler e a escribir de forma practicamente autónoma. E a práctica da alfabetización, unha que vez que se desencadea, unha vez que empeza a asentarse como práctica social, tende a perpetuarse.

A entrevista completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 120, maio de 2007)


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: