Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No ciclo 'América, cada vez máis latina'

Suzy Castor achegaranos a un Haití en transición

O Club Internacional de Prensa convida a esta historiadora e recoñecida activista a dar varias conferencias en Galiza. A incorporación das mulleres ao motor de cambio da sociedade haitiana será o tema central.

Redacción - 16:47 11/06/2007

Logo das achegas de Luís Sepúlveda, Carlos Gabetta, Luís Toledo, ou Eduardo Galeano, continúa o ciclo "América, cada vez máis latina", organizado polo Club Internacional de Prensa da Secretaría Xeral de Comunicación, coa historiadora haitiana Suzy Castor. A súa primeira conferencia será este martes 12 na sede da Fundación Caixa Galicia compostelá, acompañada pola escritora Marilar Aleixandre, na Rúa do Vilar, ao día seguinte na de Vigo, en Policarpo Sanz, co avogado Fernando Martínez Randulfe, o xoves 14 na de Lugo, na Praza de Santa María, coa profesora Carmen Blanco, e o venres 15 en Ourense, en Xoán XXIII, introducida por Pura Veiga Pombo.

A seguir, Suzy Castor manterá en Madrid diversas entrevistas con persoas responsábeis de distintas institucións gobernamentais, como é a Secretaria de Estado para Iberoamérica, Trinidad Jiménez, e outros axentes, como fundacións e oenegués que traballan polo desenvolvemento de Haití.

Unha vida en loita

Suzy Castor é unha das intelectuais máis importantes de Haití e do Caribe, comprometida coa defensa dos dereitos humanos. Diplomada en Ciencias Sociais poa Escola Normal Superior de Haití en 1958 e doutora en Historia pola Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), é unha das persoas que escribiu con máis lucidez sobre o pasado e o presente do seu país e do Caribe. Entre 1968 e 1986 foi profesora da Facultade de Filosofía e Letras e da Facultade de Ciencias Políticas da UNAM. No 72, creou o Centro de Estudos do Caribe na Facultade de Ciencias Políticas e no 76, fundou a revista especializada Caribe Contemporáneo.

Ao caer a ditadura de Duvalier no 86, volveu a Haití, e, xunto co seu home, Gérard Pierre Charles, participou na creación do Centro de Investigación e Formación Social para o Desenvolvemento (CRESFED, nas siglas francesas), que dirixe dende 1995. En 1987, dirixiu o Programa de Elaboración do Ensino en Ciencias Sociais para as Escolas Fundamentais da UNESCO. Publicou libros como La intervención norteamericana en Haití y sus consecuencias (Siglo XXI. México, 1978) ou Migración y relaciones internacionales. El caso haitiano
- dominicano
(UNAM e UASD. Santo Domingo, 1987), coordinou outros tres e participou en sete obras colectivas sobre a historia de Haití, o Caribe e América Latina. Ten traballado con colectivos de refuxiados a prol da súa reinserción, sobre todo do Cono Sur e de América Central, e pola defensa dos traballadores inmigrantes haitianos, sobre todo na República Dominicana.

Un país en transición

A súa conferencia titúlase Haití: a participación política da muller nunha sociedade en mutación. O país, no contexto dunha complexa transición, vive unha profunda crise institucional pola difícil renovación do sistema socioeconómico e político, que aínda carrexa as consecuencias da longa ditadura dos ‘Duvalier' así como as vicisitudes destes dous últimos decenios de loitas sociais e políticas, a desestruturación da economía e importantes mutacións na sociedade en xeral.

A loita do pobo haitiano enfróntase ao gran desafío da construción do Estado-nación, que esixe de xeito impostergábel a modernización institucional do Estado e do sistema político, o desenvolvemento económico, a xustiza ou a cidadanía para todos. Cabe salientar nestes movementos o das mulleres que «complican» a vida política tradicional, e esixen outros referentes socioeconómicos.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Suzy Castor
Suzy Castor