Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O CLUBE INTERNACIONAL DE PRENSA CONVIDA AO ESCRITOR

Eduardo Galeano: "Non hai riqueza inocente da pobreza allea"

O escritor uruguaio é o encargado de abrir o mércores 4, ás oito da tarde, o ciclo 'América, cada vez máis latina', organizado polo Club Internacional de Prensa. Na súa intervención abordará "Os sete pecados capitais", que teñen ben pouco que ver cos que difundía San Tomé: "Ser superbranco", "Ser supermacho", " Cuspirlle ao espello", "Exprimir ao próximo", "Matar ao mundo", "Mentirlle á vida" ou "Obedecerlle ao medo." Antes desta cita ineludíbel, na Aula Sociocultural Caixa Galicia, mantivo unha xuntanza con varios medios de comunicación para adiantar algúns detalles da súa achega.

- 11:04 17/10/2006
Tags:

O día no que fixo 66 anos, Eduardo Galeano entrou na sede do Club Internacional de Prensa para responder a unha chea de xornalistas. Este encontro, como explicou a directora do Club, Carmen Carballo, debeuse á cantidade de solicitudes que houbo para entrevistar ao escritor e xornalista. Dende que se sabe que o autor abriría coa súa presenza o ciclo de encontros do Club "América, cada vez máis latina", moita xente agardaba ansiosa para poder falar cun dos xornalistas e escritores máis comprometidos coa denuncia das inxustizas sociais. Aínda recuperándose dunha gripe, pero con calma e demora, Galeano conversou con varias persoas representantes dos medios, a antesala da súa intervención, que será o mércores 4, ás oito da tarde, na Aula Sociocultural Caixa Galicia.

O autor lembrou os seus "anos mozos", nos que o realismo socialista ("que nin era realismo nin era socialista") afrimaba que a esperanza é de aceiro. "Pero a esperanza é fráxil, é de cristal: hai que coidala." Introduciu a que será a primeira intervención no ciclo organizado polo Club Internacional de Prensa: fala dos sete pecados capitais "que aos deuses adóitalles esquecer mencionar." De "ser superbranco" ou "supermacho", ou os pecados do racismo e o machismo, negando a diversidade humana e sexual. De "cuspir no espello", ou a autoxenreira que obriga ao dominado a mirar para si cos ollos do dominador. De "exprimir ao próximo", ou condenar á xente á pobreza e á opresión para facer posíbel a riqueza e liberdade dunha minoría. De "matar ao mundo", asasinando impunemente aire, auga e terra. De "mentirlle á vida", do que acusa aos "medios de comunicación que nos incomunican e dos sistemas educativos que nos deseducan." E por último, de "obedecer ao medo", aceptar a realidade na vez de tentar mudala, repetir a historia e non facela.

O feito de estar en Galiza suscitou un relacionamento entre a opresión padecida pola América latina e a comunidade galega: lembrou como os primeiros emigrantes galegos en Latinoamérica, a principios do século XX, vivían o desprezo racista daqueles que os tomaban por estúpidos, "asociando galegos a traballo e traballo a estupidez. A "viveza" crioula é un concepto que aínda pervive na sociedade. Para ter éxito hai que desenvolver malas artes. O mundo ensínanos que quen merece recompensa é quen menos escrúpulos ten." Dende a actualidade, observa a facilidade coa que o ser humano esquece, como de rápido se perde a memoria a este respecto cando pensa nos emigrantes latinoamericanos que chegan a Europa. "Eu vivín a época na que moitas persoas eran "corridas" de España "pola fame ou pola policía," e como para el foi decisiva a herdanza de estes emigrantes e a súa fonda influencia na literatura e periodismo latinoamericanos.

Criticando este "eloxio da deshonestidade", e, como contrapartida, desprezo do traballador, afirmou: "as actividades máis lucrativas son as máis cochinas. O mundo gasta 2.300 millóns de dólares na industria da morte." E é un desafío para os profesionais da comunicación, nun mundo que recompensa a mentira. "A historia podemos facela, non estamos obrigados a repetila: os humanos estamos, afortunadamente, condenados á dúbida." Considera que o capital que ten máis éxito, a día de hoxe, non é o produtivo, senón o financeiro: "hai un club "chiquito", unha elite moi minoritaria, que integran os grandes banqueiros e guerreiros, a xente que especula." Cita a Bertolt Brecht ("É delito asaltar un banco, pero máis aínda fundalo"), e conclúe "O sistema recompensa a quen non produce. No Uruguai, o que cultiva un tomate leva o dez por cen do prezo dese tomate. Onde vai o 90% que falta? Non hai riqueza inocente da pobreza allea."

Sobre o pecado de "cuspir no espello", ou desenvolver esa autoxenreira común a latinoamericanos e galegos, advirte: "nas zonas sumerxidas, tendemos a mirármonos cos ollos do "amo", a pensar que merecemos a nosa desgraza." Lembra un episodio de crónicas de Indias nas que unha escrava, a comezos do século XVI, presentouse perate o seu amo convertida nunha enorme chaga. Botara na pel un ungüento que servía para branquear a pel. "Aínda hoxe, en América latina, siguen a promocionarse produtos para que as indias e negras branqueen a súa pel."

Por último, reflexiona sobre "a industria do medo", particularmente patente dende o 11-S. Tendo bastante recente o pánico nos aeroportos, logo desta viaxe, afirma que "ese medo que se xera nun acto terrorista, multiplica o medo no mundo: o sistema de poder precisa do medo para desenvolverse, e se non hai ningún Satán cómpre inventalo. Aos inimigos fabrícaos o medo."

O cronista dun continente
Eduardo Hughes Galeano naceu o 3 de setembro de 1940 en Montevideo. Alí comezou a publicar debuxos e crónicas no semanario "El Sol" con catorce anos, asinando aínda como "Gius", tal e como se pronunciaba o seu primeiro apelido, e aos 22 publicou o seu primeiro libro, Los días siguientes. Nesa época foi xefe de redacción do diario "Marcha", e aos 24 comezou a dirixir "Época." Publicou libros tan esclarecedores como Las venas abiertas de América latina (1971), unha denuncia da opresión padecida polo continente que foi traducida a dezaoito idiomas. Pero no 1973, o golpe de estado do entón presidente Juan María Bordaberry, xunto coas Forzas Armadas, obrigouno a fuxir á Arxentina. O xornalista comezou a se converter en narrador, como xa demostrara co aquela novela curta, Los días siguientes. Tres anos despois chegou o libro de relatos Vagamundo, e gañou o premio "Casa de las Américas" de 1975 con La canción de nosotros. Os convulsos momentos que vivían Arxentina e Uruguai daquelas quedaron reflectidos en Días y noches de amor y guerra (1978). No exilio fundou e dirixiu a revista "Crisis", e dous anos despois marcharía para Calella (Barcelona), nunha ditadura que esmorecía. Non foi até 1985, xa co novo goberno civil, que voltou ao seu Uruguai natal.

Na década dos 80 chega a triloxía Memoria del fuego. Nela lembra o pasado indixenista, a traxectoria das dúas Américas, entrecruzando crónicas históricas e do presente: Los nacimientos (1982), Las caras y las máscaras (1984) e El siglo del viento (1986) integran esta recuperación de pequenas intrahistorias, das vivencias do cotián. Logo virían outros libros de corte máis intimista, como El libro de los abrazos (1989), ou a recompilación de contos e reflexións Las palabras andantes. Entre as sús obras máis recentes están o libro de denuncia Patas arriba. La escuela del mundo al revés, no que segue a rescatar do esquecemento a América silenciada, colonizada e invisibilizada, a denunciar inxustizas e darlle voz a quen non a ten porque lla roubaron.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: