O historiador asegura que ten probas documentais que referendan o seu traballo sobre a represión na Terra de Montes.
Numerosos historiadores e investigadores do país e de fóra das nosas fronteiras están a mostrar o seu apoio a Dionisio Pereira. A nova vaga de solidariedade prodúcese logo de que o xulgado da Estrada admitira a trámite unha demanda civil presentada pola familia dun ex alcalde falanxista de Cerdedo, Manuel Gutiérrez.
Os familiares do ex rexedor considéranse agraviados polas conclusións dun traballo do historiador. A razón do conflito ten que ver cunha investigación de Pereira que quedou reflectida nas actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003. Dionisio Pereira cita os nomes de Manuel Gutiérrez e Francisco Nieto como "persoas sinaladas nos asasinatos e maltratos ou como instigadores dos mesmos".
Porén, a familia retirou as peticións de indemnización económica pero mantén a demanda de que rectifique este parágrafo da publicación. Os demandantes tamén retiraron as denuncias contra o libro "A II República e a represión franquista en Cerdedo" do que tamén é autor Dionisio Pereira. Pola súa parte, o historiador xa aportou “probas documentais” no xulgado estradense que sosteñen o seu traballo.
Durante os meses posteriores ao golpe militar franquista, 11 persoas foron paseadas no municipio de Cerdedo. Dionisio Pereira está convencido de que a presión social foi decisiva para que a familia denunciante rebaixara sensibelmente a demanda inicial.