Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na primeira volta

Esmagadora vitoria da dereita nas lexislativas francesas

Cunha elevada abstención, os comicios lexislativos confirmaron en Francia o apoio dos cidadáns á formación conservadora de Nicolás Sarkozy.

Redacción - 09:00 11/06/2007

As urnas amosarían un escenario político máis tendente á bipolarización ca nunca, aínda que cunha maioría de asentos favorábel á UMP que lidera Sarkozy. Así, doutra banda, a proposta de centro que trataba de asentar François Bayrou despois das recentes eleccións presidenciais fracasaría na consecución dun espazo parlamentario significativo. A UMP e o Partido Socialista repártense o 45% e o 29% do total dos votos, respectivamente.

O secretario xeral dos socialistas, François Hollande, cualificou de "dignos" os resultados do PS, algo por riba dos peores agoiros das enquisas, pero recoñeceu que son insuficientes para as arelas da esquerda francesa. Ao tempo, acusou á UMP de tratar de "desmobilizar" os cidadáns durante as semanas previas á votación.

Doutra banda, destaca tamén a posíbel perda de grupo parlamentario para o Partido Comunista, caendo tamén por baixo dos vinte escanos necesarios e mesmo os verdes poderían quedar fóra da Asemblea francesa. Por outro lado, Sarkozy consegue tamén a concentración do voto que en anteriores comicios rabuñaba a ultradereita de Jean Marie Le Pen, que apenas pasaría do 4% do total de votos.

Esta primeira volta só outorgou maiorías absolutas para 106 candidatos, que amarraron xa o seu escano nunha Asemblea que conta cun total de 577 asentos. Entre os beneficiados desa maioría está o recentemente nomeado primeiro ministro, François Fillon. A segunda volta será o próximo domingo 17 de xuño.

Máis en Le Monde e Libération.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: