Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cándido Pazó, actor, director e contador

"Meu pai e miña nai sabían facer un conto de todo"

Así lle respondeu ás inquedanzas dos rapaces participantes na pasada xornada de Ponte nas Ondas.

Redacción - 10:35 09/06/2007

Cándido Pazó é actor de teatro desde hai máis de trinta anos. Actuou con varias compañías do país e en 1989 fixo o debut coma director coa obra O merlo branco. Traballou tamén como guionista, foi e é colaborador de programas televisivos e radiofónicos e foi presidente da Asociación de Actores Directores e Técnicos de Escena.

Preguntan os rapaces:

Que conto dos teus che gusta máis?
Moitos, depende do momento. Aínda que se cadra se tivese que escoller un... posiblemente escollería o da boneca de cartón. Pode estenderse até unha hora e sería complicado de resumir, dicir simplemente que trata dunha meniña á que lle traen unha boneca de América.

Que pensas de Ponte nas Ondas?
Toda actividade e experiencia que poña en valor a tradición oral e aposte polo encontro e a interrelación de culturas é digna de ser apoiada. E Ponte nas Ondas é unha experiencia punteira e significativa sobre un ben que por ser inmaterial estaba descoidado e corría perigo de esmorecer no esquecemento.

Quen che contaba contos cando eras pequeno? Contábanche moitos?
Pois contos en canto que xénero tampouco é que me contaran moitos. En todo caso, meu pai e miña nai eran moi hábiles no relato das cousas. De todo facían un conto, e supoño que iso dalgún xeito si que influíu. Por outra parte, si houbo un home no lugar, José de Campio, en San Paio, un segador cunha extraordinaria habilidade para contar contos, era de feito o home dos contos. El si relataba ao xeito do xénero tradicional do conto. Po outra parte, tamén me quedou a lembranza dunha cinta casete que trouxo un día meu pai onde viñan os contos gravados polo Xestal.

Cal é o teu escritor preferido?
Vai por épocas. En tempo foi García Márquez. Noutra época Cortazar. Hoxe non sería un tan definido. Se tivera que citar un no ámbito do teatro, probablemente a Sanchís Sinisterra. Se cadra, e ao fío do que falamos, si me gustaría citar a Castelao, porque é un clásico que me segue alimentando. Eses seus pequenos contos ofrecen un material impagábel desde o punto de vista dun recreador de historias.

Cres que galegos e portugueses fan poucas cousas xuntos?
Pois menos das que poderían facer e máis das que pensamos que se fan. Vanse creando sinerxias e recortando distancias. E é que as fronteiras, aínda que queiramos borralas, están aí e custa cambiar as cousas. Pero no día a día hai moito intercambio. Eu mesmo por exemplo son profesor no Porto. É ben certo que non se fai abondo, pero o nivel de encontro vai medrando de xeito importante.

Gustábache a escola?
Non, non me gustaba, porque me gustaba moito andar por aí de troula, ir xogar ao río, andar un pouco de can. Aínda que por outra parte si me gustaba no sentido de que implicaba por exemplo que estando na escola non tiña que ir traballar.

Cando eras pequeno, que querías ser de maior?
Nunca o tiven claro. Cheguei a dicir moitas sandeces para saír do paso cando me preguntaban. Por exemplo, un mestre preguntoume unha vez e eu dixen que economista, por nada en especial, porque llo oíra a alguén algún día. Non podería dicir exactamente como foi que me deu polas artes escénicas.

Que lle dirías a unha rapaza que quere adicarse ao teatro?
Que faga unha cousa que está ao seu alcance: mirar teatro, ir ao cinema, asistir a actividades culturais... Absorber todo o que poida, e ser consciente de que non sae para fóra nada que antes non entrara, e é por iso que hai que ser espectador antes de lanzarse a interpretar. Por iso, debería ir dando pasiños, buscar un grupo afeccionado onde colaborar e cousas así. Desconfío de quen só quere ser estrela, sen pasar polo cerne do oficio. Por iso, antes de nada: recibe, recolle e almacena coñecemento.

De que obra onde actuaras ou dirixiras estás máis satisfeito?
Probablemente da última, d'A Piragua, que está agora mesmo en cartel. Porque o resultado é moi satisfactorio, os actores gústanme moito, e porque tiven dúbidas ao principio sobre o que podía ser e o resultado paréceme que é moi bo.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: