Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Freo aos avances no cumio do G8

Os EUA conseguen que o acordo sobre cambio climático quede en "orientativo"

Desde o executivo estadounidense apresuráronse este xoves a reducir os presuntos obxectivos fixados polo documento.

Redacción - 09:00 08/06/2007
Os representantes dos sete países máis ricos do mundo, mais o presidente de Rusia e o da UE

Os representantes dos sete países máis ricos do mundo, mais o presidente de Rusia e o da UE

Ao tempo que desde o gabinete Bush se subliñaba a vontade "orientativa" das recomendacións, a chanceleresa alemá, Angela Merkel recoñeceu que a delegación dos Estados Unidos teimou na introdución dunha redacción que incluíse a frase "toman seriamente en consideración", evitando dese xeito a esixencia dun compromiso estrito e concreto.

Así e todo, Merkel dixo ser optimista, destacando un acordo sobre a emisión de gases de efecto invernadoiro no que se compromenten fundamentalmente a Unión Europea, Xapón e Canadá. Segundo o planeado haberá "reducións substanciais", co obxectivo de que descendea a cantidade á metade deica 2050.

Segundo Merkel, a decisión é "un gran éxito", e é o resultado de moitas roldas de conversacións e negociacións sobre o cambio climático. "O punto máis duro foi o de reducir ao 50% as emisións", admitiu a chanceleresa, mais "chegamos ao acordo de que precisamos obxectivos de redución que sexan obrigatorios".

A partir do mes de Nadal

Ademais, precisou que todos os membros do G8 estiveron de acordo en que o proceso debería ter lugar ao abeiro da ONU, e que comezará cunha xuntanza de ministros do Ambiente en decembro en Bali (Indonesia).

Merkel presidiu a sesión inaugural de traballo, co primeiro ministro británico, Tony Blair, á súa esquerda, e o presidente estadounidense, George W. Bush, ao carón deste.

Na mesa tamén estaba o presidente ruso, Vladimir Putin, o primeiro ministro italiano, Romano Prodi, o canadense, Stephen Harper, o presidente francés, Nicolas Sarkozy, o primeiro ministro xaponés, Shinzo Abe, e o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: