Continuando sen parada o seu itinerario, a exposición "Patrimonio do Vento e do Sal: As embarcacións tradicionais galegas" estará na vila luguesa o día 10, para logo marchar a Cambados, onde tamén haberá actividades lúdicas e deportivas, o día 17 de xuño.
Unha das actividades do proxecto Nabeira08 é esta exposición itinerante, ideada para viaxar por todo o país, cunha proposta museográfica moi visual composta por paneis que indican os fitos máis importantes que marcaron de xeito determinante a nosa cultura marítima, malén do patrimonial, xa falando dun dos deportes máis antigos de galiza: as embarcacións tradicionais.
A exposición compleméntase cunha serie de actividades didácticas e obradoiros orientados para nenos, exposición de embarcacións e mesmo incluír actividades de navegación naquelas sedes que reúnan condicións axeitadas.
Nabeira08 vén de estar en Vigo, Cangas, Pontevedra, Bueu, Vilagarcía e Ribeira, e por vez primeira viaxa terra adentro, á vila de Lemos, para amosar as súas actividades tamén á xente coñecedora dos segredos da navegación fluvial.
Nabeira08...
... é un proxecto que pretende mergullar os galegos e galegas na arqueoloxía, na economía, na arte e nos oficios do mar e da ribeira en Galiza, mediante a realización de diversas actividades, como exposicións de embarcacións tradicionais galegas, actividades no mar -navegación, visita a embarcacións tradicionais...- e actividades na terra -xogos, obradoiros mariñeiros...
O alicerce fundamental de Nabeira é a recuperación da tradición marítimo-fluvial polas vilas de Galiza, e, tras a súa creación, en abril deste ano, o proxecto da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) e a Consellería de Cultura e Deporte, chega esta fin de semana a Monforte.
Para saber por ónde vai andar Nabeira08, podes consultar aquí.