Tras a súa creación, en abril deste ano, o proxecto da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) e a Consellería de Cultura e Deporte, chega o domingo a Vilagarcía de Arousa.
Nabeira08 é un proxecto que pretende mergullar os galegos e galegas na arqueoloxia, na economía, na arte e nos oficios do mar e da ribeira en Galiza, mediante a realización de diversas actividades, como exposicións de embarcacións tradicionais galegas, actividades no mar -navegación, visita a embarcacións tradicionais...- e actividades na terra -xogos, obradoiros mariñeiros...
O proxecto Nabeira08, creado polas 38 asociacións que conforman a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) e coa colaboración da Consellería de Cultura e Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, foi creado respondendo á necesidade dinamizar e conservar a riqueza da cultura marítima e fluvial de Galiza. Un patrimonio histórico e cultural ligado á tradición galega, e nacido nos máis de 1.200 quilómetros de costa e centos de ríos cunha alta produtividade mariña que hai no país.
Despois do seu paso por Vigo, Cangas, Bueu e Pontevedra, o proxecto Nabeira08 fará unha parada na Ría de Arousa, instalándose en Vilagarcía o domingo 27 de maio.